Opinión

Días de gris escuro

Martes, 28 de nadal, non fai frío. Repasando os xornais busco novas que animen esta xornada de inverno. Chámame a atención a primeira que atopo. Fala da morte do arzobispo Desmond Tutu, loitador contra da segregación racial entre brancos e negros no continente africano Este persoeiro pasará a historia nunhas terras onde a Igrexa ten unha labor comprometida cos máis probes. Algo moi diferente do que acontece nestes lares. Logo vexo nas redes sociais que algún sindicalista, guiado polas posturas máis radicais, fala de fraude na reforma laboral que se acordou entre as centrais sindicais no Estado e a patronal, esquecendo que pra chegar a acordos ás veces hai que ceder parte do que se reivindica.

Sigo refollando e atopo que o 28, Día dos Inocentes ou das pegotas, como se escoita na rúa, o alcalde Jácome declaraba no xulgado pois está imputado por malversación de caudais públicos. E eso lémbrame que moitos compañeiros, non hai moitos anos, nada máis estar citados a declarar xa presentaban a dimisión do cargo. Xa sei que ao actual rexedor o de dimitir non o entende. El apégase a cadeira de mando, pois custoulle moito tempo chegar a ela e agora xoga na alcaldía coas cousas da goberno e co nome das concellerías como se fose un neno pequeno. Este persoeiro que lle pedía responsabilidade a todos, agora está xordo e cego. Veremos que lle conta ó xuíz e despois falaremos do asunto.

Opi_29

                                                                                                                                                                                             José Paz

Seguindo a miña visita ós xornais, e fuxindo de falar do covid, vexo que hai novas que din que varios concellos desta provincia, os máis rurais, perderán concelleiros por mor da baixa de poboación. O asunto ten certa miga, pois hai uns días vin unha reportaxe nun canal de TV onde lle preguntaban a varias persoas se preferían ter un fillo ou mellor ter un can de compañeiro. E, aínda que non o pareza, unha porcentaxe de persoas importante prefería ter un cadelo. Como veredes, o tema ten o seu aquel, pois amosa que socialmente temos un problema moi serio. Primeiro, a despoboación do rural, e segundo, a valoración das cousas: equipárase os animais coas persoas.

Seguindo cos xornais, vexo as opinións que hai sobor do discurso do rei Felipe VI. E, ó marxe de non falar da nosa terra e o seu recoñecemento como nacionalidade histórica, deixou claros uns puntos que a min parécenme interesantes. O primeiro foi a aposta clara por Europa. O segundo, a boa labor do Goberno e as Comunidades Autónomas e demais institucións no tema da pandemia. E o terceiro, a necesidade de buscar consensos en temas fundamentais. Ou sexa: debate político e acordos amplos que sinalan a madurez dos dirixentes dos partidos e o afianzamento das institucións públicas. En fin, hai moitas máis cousas que din os medios que me chaman a atención. Mais como vivo nesta cidade ida a menos, resumiría a miña petición para o ano 2022 no seguinte: que o sentido común impere na xente e nos gobernantes que manteñen ó actual alcalde da cidade. Pedirlle que mediten sobor do ridículo que están a facer e lle retiren o apoio. A ver si así se vai o Jácome e os asesores de DO. Desta maneira, en Ourense os días non serán tan grises e escuros como o son hoxe.

Te puede interesar