Opinión

Dun tempo de propinas e regateos

Unha foto nun medio escrito, que aporta moita información do pasado recente desta cidade e da nosa sociedade en xeral, dame pé pra facer este comentario. Nela, un axente municipal dos anos sesenta, con casco branco, dirixe o tráfico nun cruce da urbe, e ó seu carón hai paquetes e agasallos que os ourensás, polo Nadal daquel tempo, lle deixaban ós que dirixían o tráfico braceando chiflo en ristre. A mentada foto axiña tróuxome a mente aqueles anos sesenta do século pasado, e o retrato daquela sociedade. O asunto é que a imaxe saíu coincidindo cunha desas andanadas ou declaracións ás que a presidenta Ayuso nos ten afeitos. 

A min, xa pouco me sorprende do que diga a presidenta da Comunidade de Madrid. As súas parrafadas, con cara de non matar nin unha mosca, amosan o que pensa e lle pasa a unha muller dogmatizada ate tal extremo que, ó escoitala, sóame unha voz dun pasado que falaba de caridade, esquecendo que esa virtude ten pouco que ver coa xustiza. E digo isto pois non hai moitos días sacou unha publicidade, pagada con cartos públicos, tratando de convencer á xente de que se lle deben dar propinas ós que traballan no ramo da hostalería. Todo para que complementen, co que cobran, os estudos de inglés e outros temas que non están recollidos polas institucións e que son precisos para que as persoas teñan unha boa formación e saúde. O asunto ten a súa miga, se non fora que recentemente dixo que a estes asalariados non se lles debe aumentar o soldo. Vese que coas propinas poden levar aos seus fillos a estudar música ou iren a practicar un deporte ou unha actividade extraescolar. 

Tal ocorrencia lembroume o tempo onde o paternalismo, os agasallos ós axentes e ós funcionarios para que trataran ben ós cidadáns, eran norma non escrita, mais moi aceptada socialmente. Confeso que vivín no meu posto de traballo esa vivencia, á que me opuxen. Ben sei que eran tempos moi distintos, onde ate se presumía de ter un amigo en tal o cal delegación ministerial ou mesmo no Concello para que che movera aquel papel, che deran un permiso ou che quitaran unha sanción. Eran os anos do regateo no comercio ou nas dúas prazas de abastos do noso Concello. Eran os anos do “aguinaldo” ós carteiros ou ó crego cando viña bendicir as casas pola Pascua. Anos nos que unha sociedade, no escrito de petición, poñía “... de su recto proceder...” ou “Dios guarde a usted muchos años”. Unha sociedade que calaba e non esixía. 

Os tempos mudaron e moito. E cando parecía que esas vellas costumes dunha sociedade sumisa e patriarcal estaban superadas, aparece unha presidenta lanzando, na capital do reino, pouco menos que unha proclama en favor da propina ós traballadores da hostalería e, pola contra, opóndose a que lles melloren as condicións económicas. E aínda que isto pareza unha minucia, ten o seu aquel. Agocha unha carga que catalogaría en dous apartados: o primeiro, de sumisión, e o segundo, de clasismo. Si, un clasismo que no fondo tenta manter unha sociedade na que se lle carga ós consumidores a obriga de contribuir cunhas cadelas para que os asalariados teñan mellor remuneración. É polo tanto a propina unha maneira de sometemento e de afirmación do poderoso economicamente sobre ó asalariado.

Sacar á luz o pasado da nosa sociedade e darllo a coñecer ós máis novos é unha boa labor que fan moitas persoas en diferentes medios sen buscar un interés económico. O triste é que persoeiros públicos moi novos lancen ideas como a sinalada. Seguro que descoñecen a historia recente da nosa sociedade e por iso predican, sen dicilo claramente, volver a ise pasado. 

Te puede interesar