Opinión

Esperando que escampe

Pois nada, chegou o inverno e alomenos en Ourense chove mainamente con ritmo de saudade. Facía falla a auga, pero iste tempo logo aburre, e deseguida desexamos que cheguen os ceos claros e saia o sol. Tamén que medren os días e que o panorama político, como o tempo, se clarexe. Con todo, o día a día segue e xa temos os primeiros datos certos para atisbar o futuro inmediato do Estado.

En Catalunya, os deputados do seu Parlamento, no último minuto, decidiron chegar a un acordo e non ir de novo a eleccións. Iso chámase pragmatismo, aínda que o camiño polo que optaron sexa sinuoso e cando menos teña consecuencias incertas.

E neste contexto o presidente en funcións, Mariano Rajoy, sentenciou que a lei está por riba de todos e que actuará contundentemente fronte ós que a salten. E, desesperadamente, aproveitando a conxuntura favorable, insiste en formar unha maioría sólida cos socialistas e Cidadáns fronte ó independentismo. Vamos, como se durante os catro anos pasados que gobernou non tivera unha maioría sólida, o que levou a que en Catalunya medrara de forma exponencial o arredismo, pois nese tempo ignorou e menospreciou a uns millóns de cidadáns que pedían unha relación diferente á que teñen hoxe co resto do Estado.

Pola banda da chamada esquerda, o Sr. Sánchez está á espera do fracaso do primeiro para logo sondear un pacto das chamadas forzas progresistas. E os cidadáns estamos expectantes vendo que, de non mediar a política de altura, a curto prazo avecíñase eleccións e un choque de trens e, tras del, unha posible inestabilidade política na pel de touro.

E é que, cando existe un diálogo de xordos e os extremos apuntálanse nos seus posicionamentos en base a sagradas leis e unidades, pouco se pode facer. Que falta logo para solucionar iste puzzle? Pois falta a sensibilidade de poñerse uns no lugar de outros e logo facer propostas políticas, pois a día de hoxe creo que é máis o que nos une que o que nos separa. Pero, se falamos de nación única nacida da unidade de reinos sen o calor da xente, vainos pasar igual cós israelitas apelando ás escrituras bíblicas no conflito cos palestinos. Por iso, hai que falar e non condenar a priori nin menospreciar ó adversario dende unha única visión. E digo isto, pois de non ser así, cando un fillo quere arredarse do seo familiar, se solo leva couces, terminará tendo unha relación mala ou conseguindo fuxir del. Polo tanto, se queremos saír desta lea, o diálogo e as propostas alternativas son moi necesarias.

Nós, mentres tanto, seguimos esperando a que mellore o tempo ou escampe. E desconfiados preguntámoslle a ó sr. Arturo, persoeiro da miña vila que o sabía todo: Que tempo haberá mañá? El, despois de mirar cara o ceo, contestaba con moita parsimonia: “Mañana hará un tiempo u otro”.

Te puede interesar