Opinión

Un fiscal que sentía e exercía

Desempeñar un posto de responsabilidade implica exercer e tentar deixar marca. Ou sexa: facer cousas positivas en favor da comunidade á que se representa, que é tanto como dicir traballar a prol dos cidadáns, para que estes sintan o calor dunha institución que os ampara e serve para algo máis que ser un posto de representación, vamos, un posto de ornamento.
Carlos Varela, nado no Carballiño no 1956, deixou ó seu paso pola Fiscalía Superior de Galicia marca de bo facer, de sentir Galicia, e marcou estilo e sensibilidade social. Foi unha das persoas que encheu de contido a institución que presidiu durante un prazo amplo de tempo.
Defendeu dende o Ministerio Público os dereitos dos cidadáns, tramitando queixas sobre a defensa do patrimonio público, dos colectivos marxinados; demandas sociais como a dos desfalcos das preferentes, etc. Impulsou con Anxo Quintana, na época do bipartito e cos colexios profesionais de Compostela, a mediación nos litixios familiares, cuestión que logo xeneralizouse en toda Galicia. Impulsou, coa colaboración da Garda Civil, un minucioso estudo sobre as causas dos incendios forestais na nosa terra que desmontou teorías dos gobernantes; promocionou as demandas, inéditas no Estado, que perseguían a anulación por vicios dos contratos para a adquisición das preferentes de banca, o que permitiu a restitución do diñeiro de moitos aforradores galegos.


Varela demostrou que coas súas accións, o valor dunha institución como a Fiscalía Superior de Galicia, estando xerarquicamente baixo a tutela do Estado, é moi útil e necesaria para esta terra, e fixo visible que o seu valor é proporcional ós esforzos por preocuparse polos problemas dos cidadáns. Por iso, esta institución é unha peza fundamental para o bo funcionamento da xustiza nesta nacionalidade histórica.
En fin, este ourensán foi un gran promotor do noso idioma e tratou, en todo momento, de normalizar o seu uso dentro da institución que presidiu. Home sinxelo que foxe do protocolo, ten no seu haber moitas distincións, pero hai unha que para min ten un significado especial, pois foi entregada e compartida coa xente do pobo; foi entregada nun acto sinxelo no medio das persoas do común, sen grandes formalismos nin actos rimbombantes. Estou a referirme ó premio Freire Carril do ano 2013 en Seixalbo, co que a Asociación Cultural Agromadas quixo distinguilo, rememorando o xuízo dos Foros que durou 20 anos (1839-1859), no que os veciños desta antiga Vila e Couto se enfrontaron ó bispo da cidade de Ourense e se liberaron do pago das rendas, cen anos antes que no resto de Galicia.
En fin, as institucións funcionan cando nos postos se sitúa a persoas competentes que exercen o seu traballo con miras amplas e sen perder os obxectivos para os que foron creadas; persoas que senten á terra e que non ignoran as formas e modo de vida diferentes que teñen os seus habitantes; formas que deben ser respectadas e comprendidas pola xustiza para que esta sexa aceptada e máis eficaz.
Esperemos que o novo fiscal superior exerza o posto con tanta personalidade, eficacia e sentido de país como o fixo o anterior.

Te puede interesar