Opinión

Que fraxil memoria temos!

Ateigados de novas diarias, resulta moi sinxelo esquecerse de tanta información como recibimos, pois ate chega a saturarnos. Polo tanto, para seguir camiñando pola vida, necesitamos liberarnos de tanta noticia facendo un cribado para eliminar o banal e centrarnos no importante. Desta cuestión saben moito os dirixentes das fomacións políticas. Por iso, cando están na oposición predican unha cousa e, cando chegan a gobernar, esquécense do dito e fan o contrario, ou miran para outro lado como se non acontecera nada. Dito doutro xeito, saben e xogan coa fraxilidade da nosa memoria individual e colectiva.

Gobernando a cidade de Ourense o bipartito PSOE e BNG, os dirixentes do PP reivindicaban insistentemente, con manifestacións incluso, que Ourense non podía ser menos e que a estación de chegada para o AVE tiña que ser soterrada. E subidos a este carro do soterramento deron a murga insistentemente, aínda que eran sabedores de que tal cuestión era imposible, pois os niveis das vías cara a Santiago non o permitían. Daquela presentouse un proxecto que era moi interesante, pois unía o barrio da Ponte co do 21, hoxe moi separados polas vías. Pero aquelo, segundo os populares, non valía e seguiron dando a tabarra e berrando na rúa.

Os tempos e os avatares políticos, moitos escandalosamente, sen visos de solución pola lentitude da Xustiza, crearon un caldo propicio para que chegaran ó goberno os populares. E dende que tomaron posesión, o proxecto inicial da estación do AVE desapareceu. E estes nosos gobernantes, amparándose no esquecemento e na memoría fráxil de moitos ourensáns, agora propoñen facer pouco máis ca un apeadeiro cuns galpóns para a chegada do tren de alta velocidade. E claro, diante este asunto sen mediar ningunha explicación pública, calan como se foran estatuas de sal. E esquecen o que pedían antano baixo pancartas reivindicativas. Vamos, ate parece que teñen vergoña do seu pasado.

Pero a fraxilidade na memoria vai máis alá do que se pode pensar, e ás veces, permite facer verdadeira falcatruadas que nós xa non veremos resoltas. Hai uns anos, todas as autoridades políticas e mesmo o Concello daban por feito que a celulosa Ence de Pontevedra tiña os anos contados á beira da ría. Houbo acordos e proclamas a tal respecto, polo que o seu cheiro sería limitado no tempo. Pois nada, o goberno en funcións do PP prorrogóulle a concesión, inflando o número de postos de traballo, nada menos que por 60 anos a esta nociva empresa. E todo sen ter obrigas de melloras para o medio ambiente. Pregunta: se caducaba a concesión no 2018, a que tanta presa en resolver un asunto de tanta contrariedade? Respondo co texto dunha cantiga do grupo ourensán dos anos sesenta que se coñecía como Folk Cantigas: “Algo cheira a podre ó noso arrededor, cando lle cortan as ás ó paxaro pra non voar...” Enténdase: algo cheira a podre por facer a concesión tan apresa e por tantos anos a esta empresa. E mentres tanto, os concelleiros, deputados, senadores e palmeiros do PP e tamén das demais formacións, incluso os da Marea, tanto no caso de Ourense, como no de Ence, están mudos, ausentes ou desaparecidos. Ninguén se lembra nin quere facelo do que pasou e prometeu antano. En fin, cousas veremos no acontecer diario e no facer dos nosos gobernantes, claro, aproveitándose da fraxilidade da nosa memoria individual e colectiva.

Te puede interesar