Opinión

Fuga sen render contas

Feijóo sempre foi un político previsible, el sempre o dixo. Mais as contrariedades sempre saen á luz, e a medida que pasa o tempo vense con moita claridade.

Cando se presentou por derradeira vez ás eleccións nesta terra, o eslogan era Galicia, Galicia! Mais neste noroeste peninsular todos sabíamos que o seu obxectivo non era Galicia. Era ubicarse na Corte madrileña con aspiracións de chegar á Moncloa. O dos Peares, coa súa premeditada ambigüedade, sempre mirou máis alá deste currucho galaico. Ou sexa: do Padornelo. E non está mal. Mais para un home previsible e ordenado, como din que é, o máis normal antes de partir sería presentar unha memoria no Parlamento galego de como estaban as cousas cando chegou por primeira vez a San Caetano, e de como quedan a día de hoxe. A min chéirame que hai moi pouco positivo que presentar e por iso o silencio. O denostado bipartito, ó que se acusou de malgastador polas cadeiras e outras nimiedades, seica deixara o país medio escarallado, dicía, e agora fuxe sen presentar un balance de contas. Parece que os datos son peores que cando el chegou. Esa pode ser a clave do asunto e de tanto silencio.

Render contas cando marchas dun cargo público debera ser unha obriga, e sobor de todo cando presumes de bo xestor. Claro que agora que os baróns territoriais populares sacan peito, tamén poderían facer o mesmo nas súas baronías ou territorios. Mais un, que é desconfiado, pensa que certas estruturas políticas so naceron para exercer o poder, e o da rendición de contas sempre se agocha ou se deixa no esquecemento a posta. E se non, vexamos: Ourense, segundo di Baltar junior, é a provincia non so de Galicia que máis votos porcentuais lle dá ó PP. E con todo ese currículo alguén fai un balance realista de como está a provincia que ocupa nos índices de benestar de Galicia e do Estado a cabeza pola cola?

Xa sei que somos os primeiros en case todo, pero polo rabo. E con todo eso, alguén rendeu contas despois de levar gobernando toda a vida co mesmo grupo político no poder? Non.

Vivimos nunha terra previsible, por iso temos políticos que traballan como tales. E a don Alberto seguirao outro político semellante. Si, será outro que é previsible. Pero os problemas estruturais desta terra seguen e seguen xeración tras xeración sen resolver. No último mandato, Feijóo dixo: será a lexislatura do rural, e o rural e a sociedade en xeral segue morrendo sen visos de solución.

Xa sei que somos unha terra de xente conformista. Unha terra que soporta os desvaríos dos mandatarios. E para exemplo temos a cidade de Ourense. O grupo e os concelleiros que manteñen a Jácome na alcaldía soportan día a día o menosprezo dun xestor nefasto para a cidade. Que ninguén se engane: cando falte menos dun ano para as eleccións municipais e xa non se poidan facer mocións de censura, ate pode que os insultos suban de ton, e este mesías que todo iba arranxar nun plisplás, tente apartar ós populares da corporación para gobernar cos tres fieis que tanto lle queren e aparecer el como grande xestor diante os ourensáns, colgándose as medallas da desfeita. En fin, comencei dicindo que Feijoo era un home previsible, que fuxe sen render contas... pois en Ourense goberna unha persoa imprevisible, e se non... ó tempo, porque poden aumentar os monicreques no Concello.

Te puede interesar