Opinión

Un home feito de cartos

Estouno vendo. Na súa cachola soamente hai espazo para os cartos. É a súa materia prima. E como os euros e os dólares ocupan todo o espazo no seu corpo, pois outras cousas non poden entrar nos seus miolos. Polo tanto, non hai lugar para a sensibilidade social, nin para as mostras de empatía cós milleiros de almas que viven día a día na precariedade. Non. Soamente hai espazo para os millóns que son os que alimentan o seu espírito, son a súa alma e a razón da súa existencia vital.

As declaración dese señor, que é o presidente dunha compañía eléctrica, ergueron unha xeira de comentarios nos que, a pesares das desculpas que deu a empresa, califícano de insensible e pouco menos que dun ser feito para amosar o poder do diñeiro e o que diso se deriva.

O malo e que destes poderosos que gañan millóns de euros ó ano e nos chaman “tontos” ós consumidores, hai moitos máis. Si, moitos que so fan rirse do común dos mortais; que viven, ou mellor, que vivimos facendo números para chegar a fin de mes sen débedas e así ir tirando.

Esto é o que lle acontece ás persoas que soamente ven números e cartos no seu camiñar pola vida. Lembro que un día escoiteille a un destes persoeiros o seguinte: “A ética e a sensibilidade coa masa social, non dan de comer”. Hai un par de meses, tomando un café nunha terraza desta Auria, unha rapaza achegouse toda chorosa pedíndome unha axuda para poder pagar o tren e volver ó Barco de Valdeorras. Pregunteille por que pedía axuda. Díxome que unhas persoas a enganaran para vir a Ourense e que logo a deixaran tirada, e que quería volver para súa casa. Dinlle unha moeda e marchou. Un empresario importante que estaba na mesa do lado tomando café, de súpeto díxome: “Mal feito, a esta xente non se lle pode dar ren”. Non lle respostei, pero si o recoñecín. E agora co asunto do presidente de Iberdrola veume á memoria o daquela rapaza, pois vexo certa conexión co desprezo que lle fixo ós consumidores o xefe da eléctrica aludida. Polo que parece, a xente de negocios está tan obsesionada co tema dos cartos que moitos carecen de sensibilidade e meten no mesmo saco ós profesionais da esmola e as persoas que non o son. E a adolescente non era dese ramo.

Ben sei que todos os empresarios non son así, e cóstame crer que o que me reprochou darlle unha moeda á rapaza tampouco. Pero tamén son dos que penso que ninguén sae a pedir esmola se non ten unha necesidade. De todas maneiras, vexo unha relación moi forte entre ser duro e non darlle cadela a ninguén sen recibir beneficios a cambio. E isto lémbrame a novela “O porco de pé” de Vicente Risco, pois aínda hai moitos porcos de pé que andan a pulular por esta cidade.

En fin, as declaracións do mandamáis actual desa compañía eléctrica que seica gaña 13 millóns de euros ó ano desafinan e rínse de milleiros de cidadáns que vivimos día a día. E tamén cantan por seren unhas declaración que minusvaloran as intencións e accións do Goberno. Accións que, dalgunha maneira, tentan paliar o abuso desas eléctricas dás que o antedito forma parte. Remato: cando unha persoa so é froito dos cartos; cando so pensa en números e carece de empatía e sensibilidade co resto dos humanos; cando non ve outra cousa mais que beneficios, pasa a ter a categoría dos animais pouco racionais e avaros que logo serán, porque tamén morren, como di o meu amigo Carballido, os máis ricos do cimiterio.

Te puede interesar