Opinión

Lembrando os tempos do nazismo

Escoitase con moita frecuencia que a historia da humanidade repítese ciclicamente. E aínda que os tempos sexan distintos e o medios técnicos mellores, os feitos e aconteceres actuais son semellantes ós vividos hai moitos anos. Dende a chegada da democracia tocounos vivir, ós máis maiores, moitos feitos alcumados como históricos. Somos testemuñas de feitos que, por seren únicos, marcaron un tempo; feitos que, nalgúns casos, superaron con creces a ficción que vemos no cinema e nos plasmas que temos na casa.

Quedamos coa boca aberta cando vimos caer as torres xemelgas froito dun atentado terrorista; logo veu a guerra de Iraq, conflito xustificado baixo o pretexto das armas de destrución masiva que nunca existiron. Seguiulle o volcán da illa de Palma e a pandemia que asolou o mundo e deixou, e aínda deixa, moitos mortos; e agora o sátrapa Vladimir Putin lémbranos a toma de países, como nos anos corenta do século pasado fixo Adolf Hitler, ou recórdanos a entrada dos tanques da Unión Soviética en Praga pra rematar coa primavera democrática que agromaba nese pais centroeuropeo.

Vivimos tempos de incerteza; tempos onde todos os principios polos que se rixe a humanidade están sometidos a tensións permanentes e, en moitos casos, son vulnerados polos ditadores mundiais que non son poucos. A lei do máis belicoso sempre nos leva o camiño da imposición, do que é o máis forte. Neste caso trátase do tirano, ex membro da KGB e hoxe presidente de Rusia. Persoeiro que encadea á oposición no seu país e amordaza e manipula á prensa; sátrapa que marea á Occidente cunhas negociacións ficticias, pois a invasión da Ucraína estaba prevista dende hai tempo. Despois da caída do Muro de Berlín e o esfarelamento da Unión Soviética, moitos foron os países que quixeron fuxir do que se chamou o Telón de Aceiro e libremente queren achegarse ó mundo das liberdades pra mellorar o futuro dos seus cidadáns. E pra evitar esa fuga, Putin ameaza ós que estiveron na súa órbita pra que non se atrevan a camiñar libremente e rexer os seus destinos como consideren. E avisa, ameazando coas armas nucleares a terceiros países pra que non ingresen en organizacións defensivas que Rusia considera enemigas.

Todos os humanos de boa fe queremos a paz, mais o triste é que maiormente ese estado de tranquilidade non se acada sen poñer por diante a forza da legalidade, nin da racionalidade. Non se acada sen defender, incluso coas armas, a terra invadida. Nese senso a defensa dos ucraínos será o que axudará á resolución do conflito que soubemos como comezou, e que pode expandirse e internacionalizarse máis da conta. Non sei como rematará este choque armado, mais grande lección a deses civís defendendo a súa terra contra os tanques rusos. Con todo, chirrían as voces dalgúns progresistas de salón que xustifican esta invasión culpando, con argumentos semellantes ós do ditador, ós ucraínos. En fin, os tempos do nazismo aparecen na retina dos máis maiores. E eso crea inquedanzas que lembran a Segunda Guerra Mundial.

Te puede interesar