Opinión

Llego la mami

Llego la mami, la reina, la dura, una Bugatti. El mundo está loco con este party. Si tengo un problema no es monetary. Yo vuelvo loquito a todos los daddies. Yo siempre primera nunca secundary. Apenas hago doom, doom, Y le tengo dado zoom, zoom, por Miami...”

A letra da canción que gañou para representarnos en Eurovisión amosa claramente que o festival onde se elixiu camiña ano tras ano facendo gala dun espectáculo que, por moita audiencia que teña, leva rumbo da despersonalización onde cópiase todo o que ven de fora das nosas fronteiras, e onde se ignora, a posta, a diversidade cultural que existe no Estado.

O primeiro que hai que subliñar é que este tipo de festivais, dende que por aforrar cartos eliminaron a música en directo, optando polo que está gravado, perderon toda emoción e a calidade que tiñan antano. Ademais, dende que incorporaron as coreografías como algo fundamental, a música e os textos perderon espazo e camiñan nunha decadencia absoluta, pois pouco teñen que ver coas letras e músicas que se presentaban nos anos setenta e posteriores e que aínda lembramos.

Dito isto, a primeira crítica que se lle pode poñer a cantiga gañadora é a carencia dunha letra que diga algo e que teña unha mensaxe que non sexa banal. Pois é un texto pueril que non ten sustancia e que, por riba, está cheo de alusións ó físico e o movemento do corpo como forma de atracción e ten unha clara alusión a provocar actitudes machistas. Ou sexa, unha cantiga, se se lle pode chamar así, sensual que ten un único obxectivo: amosar o fermoso corpo dunha rapaza e dos acompañantes.

A segunda cuestión é a falla de sensibilidade cara as diversas linguas que hai no Estado. Se aceptamos de bo grao un texto cheo de barbarismos, resulta complexo xustificar que desprecemos a diversidade cultural e lingüística das distintas partes da Península.

O acontecido era de esperar. A novidade das Tanxugueiras, aínda sen ser unha cantiga cunha melodía súper interesante, foi unha aposta novidosa que non fracasou, pois amosou xiros da nosa música tradicional. Mais, lembran cando Serrat quería cantar en catalán o “La la la”? Supoño que si. Pois seguimos igual. A España de hoxe prefire que se cante e que se chapurre mesturando o castelán cun inglés macarrónico, a deixar que algo novo, algo que teña un estilo diferente e reivindicativo a represente. Pero neste tema seguimos igual que hai corenta e pico de amos.

Moitas veces escoitei que hai que loitar contra os complexos idiomáticos que hai no noso Estado e, desta vez, decateime que non foi o público quen o tiña contra os idiomas das comunidades. Pola contra, quen si o tivo foi un xurado parcial e acomplexado. En fin, non se trata de manter unha postura que vaia contra un idioma, neste caso o castelán, nin de amosar unha cara victimista que non ven ó caso. Non.

E pra que os lectores vexan a calidade de parte da letra da cantiga gañadora, amoseina ó principio deste comentario. Felicitación a esas mulleres valentes que conforman un trío que perdeu o medo e levou unha cantiga con personalidade e dixo alto e claro: as mulleres galegas teñen unha personalidade moi definida e non renuncian á súa fala nin ás raíces da súa música. Noraboa Tanxugueiras.

Te puede interesar