Opinión

Música de calidade

Nesta sociedade, cada xornada máis invadida polo ruído e pola música do decibelio festivo, barullo que soamente incita á diversión e o consumo acrítico sen máis, escoitar algo que estimula os oídos, que respire beleza e creatividade, resulta moi gratificante.

Capela Madrigalista, coro ourensán que naceu na década dos setenta do século pasado e que ten unha longa historia nesta cidade e provincia, formación pola que pasaron moitos ourensáns animosos do canto coral e varios directores que a mantiveron moi activa no tempo, ofreceu un concerto organizado pola plataforma Queremos UPO na igrexa dos Franciscanos o 20 do mes que andamos. Coa igrexa chea, este coro que se denomina “de cámara”, desenvolveu un programa moi variado, que abrangueu dende Mozart e autores de distintos procedencias e estilos ate compositores galegos como Julio Domínguez e o ourensán Anselmo Iglesias.

Nesta velada interpretou doce pezas sen interrupción algunha, o que lle permitiu ós coristas unha total concentración no programa e que axudou a creación dun ambiente musical moi interesante, pois todas as obras fluían case sen espazo de ruptura. E esta maneira de actuar foi premiada cun longo aplauso que trouxo un bis como propina. 

Fermosa velada na que o público amante da música que non se escoita nas canles comerciais apreciou ás voces deses coristas, acompañados ó piano por Marta Blanco e dirixidas por Xoán M. Iglesias, e que nos transportaron a épocas distintas e sons que incitan ó desfrute musical dunha maneira sosegada e tranquila. Na lembranza e no ambiente respirábase satisfacción e certa saudade pola escaseza de máis concertos con formacións deste tipo. 

Corren malos tempos para a música culta en Ourense, dado que dende hai anos semella que, ignorando o feito cultural, soamente se promociona a troula sen máis pretensión que o do consumo e a diversión para incitar non se sabe ben a que.

Cabería que moitos dos que nos gobernan a día de hoxe ollaran un chisco a historia desta cidade para que souberan que nela hai unha tradición musical importante, e que as formacións corais tan abundantes hai a penas vinte anos atrás, foron decaendo pola miopía destes gobernantes incultos que desprezan que a música, ademais de ser cultura viva, as formacións corais e as asociacións culturais son entidades que socializan e animan á colectividade a participar e facer actividades onde as institucións non chegan, e polo que parece, non pretenden nin queren chegar. 

En fin, o concerto do sábado pasado deixou un arrecendo moi positivo que anima á xente asistente, e aos coristas en particular, a seguir mantendo viva a chama cultural da música de calidade. Desa música que transmite valores e coñecemento; desas pezas que crean e debuxan paisaxes. Vivimos tempos escuros para a cultura, mais nesta cidade a xente deste sector será a que pare o esmorecemento desta urbe galaica; será a que remate cun tempo que nos leva a brutalidade permanente e a non ser nada no conxunto de Galicia. A todos os animadores culturais quixera darlles moitos folgos para que sigan camiñando. Noraboa ós membros da UPO por seguir organizando estes eventos, tamén ós coristas e ó director desta formación histórica ourensá. Xornadas e concertos como os deste sábado precísanse moito máis. 

Te puede interesar