Nadal atípico

Segundo falas cos máis vellos, parece que non se lembra un tempo tan longo sen chover como o que hoxe padecemos. Os regatos sen auga indican que, de non trocar moito as cousas, todo camiña cara unha longa sequía, e no país dos mil ríos, a auga empeza a escasear. Igualmente, aínda que noutro orde de cousas, dende que podemos votar, tampouco lembramos que houbera unhas eleccións nas portas do Nadal, aínda que estas sexan noutra zona do Estado e con candidatos presos o que fai que este proceso sexa un tanto anormal. E se a todo o dito, tamén lle sumamos que o Goberno xa ten case valeirada a caixa de reserva das pensións, e que o desemprego non merma, e o número de afiliados non cubren os gastos das xubilacións, todo indica que a incertidume cara o futuro do actual estado de benestar está na picota.

Dende hai varios anos escoitamos a milonga repetitiva de que estabamos saíndo da crise; de que o emprego recuperábase moi ben, pois a Seguridade Social aumentaba os seus afiliados e eramos o pais europeo que máis medraba. Pero o que nunca se dixo é que si aumentaban os asegurados era porque se facían contratos por horas e días, co que a medra no número era todo un conto. Tamén se dicía que se os nosos mozos emigraban era porque querían coñecer mundo. Toda unha estratexia informativa para amosar que íamos a mellor. Todo para aparentar que saíramos do pozo sen fondo no que nos metera o goberno anterior. Pero o conto resultou ser que sempre se andaba a ocultar a realidade, pois esta indicaba que a reforma laboral foi todo un fiasco, que soamente trouxo precariedade, baixada de soldos e desigualdade.

As medidas que se tomaron coa liberalización das empresas públicas, como as da enerxía eléctrica hai anos, soamente trouxeron encarecemento e pobreza dun servizo básico para os fogares, cuestión que todos podemos comprobar mensualmente no recibo da luz, que sempre sube. E faino tanto se chove ou hai vento como se non. Se a todo o dito lle sumamos que a globalización da economía sumou a países que producen sen teren un mínimo de dereitos laborais e que compiten con nós, todo se volve sumamente complexo e indica un futuro cheo de incertidume.

Polo tanto, enfrontamos un Nadal atípico e incerto, e non só pola seca. Un Nadal no que miramos ó futuro con bastante inquietude en varios frontes. Primeiro porque segundo din os entendidos avecíñase un cambio nos comportamentos do tempo. Segundo, porque os grandes problemas que temos como sociedade (creación de emprego e fin da corrupción) non parecen ter unha solución inmediata. Logo está o asunto político territorial. E como a sociedade nosa, cada día máis inxusta, só se mantén apretándolle as clavixas ós de sempre que son os asalariados e xubilados, pois parece que imos por mal camiño. Por iso digo que, de seguir así, o futuro como sociedade de benestar está en xogo. E a incertidume xoga contra o ánimo colectivo e sempre retrae a economía.

En fin, esperemos que cambie o tempo e chova para poder alomenos respirar mellor e, se cabe, ser no referido ó tempo máis optimistas, pois a solución dos demais problemas parece ir para lonxe. Con todo, tratemos de ser felices alomenos nas festas do Nadal.