Noraboa Portugal

Os días pasan e caen sobre nós como pequenas lousas; as novas e aconteceres van deixando a súa pegada e así vai pasado o tempo. Pois ben, o domingo último rematou a copa de Europa e os nosos irmásn portugueses, os que iban caladiños a participar e a ver que podían facer, derón a sorpresa e saíron gañadores absolutos. Cousas do fútbol, do rei dos deportes que move masas, enardece corazóns e levanta moitas paixóns. Cousas do balón que actúa de narcótico social, une xentes de diversas clases, une países e frea reivindicacións sociais, ás veces, moi necesarias. Sorte dos portuguerses diran algúns, outros humildade e xogo en equipo o que amosou a escuadra lusa. Pola contra o chauvinismo español lembrounos a moitos que, iso de vender o pelexo do oso antes de cazalo, ten estás cousas ou se queredes fracasos. Xa o dicía meu avó: vaca gabada non se vende na feira.

Pero, pasado o folión do trunfo, e tamén estas xornadas de fútbol intenacional, hai que voltar á realidade e seguir coas nosas leas; seguir loitando co día a día e tentando, cos coñecementos que temos, intuír o futuro máis inmediato que, despois da visita do señor Obama, sigue a ser tan gris e confuso como antes de pasar o primeiro presidente de cor pola penínsiula. Se cabe, lembrar algunha das verbas que dixo: España medra, pero a desigualdade social aumenta. E ise é un dos problemas do noso día a día. Xa o dicía un tío meu que era moi pracmático e realista: os cartos van sempre pra onde hai cartos.

E así teremos que seguir loitando e sofrindo o paro e o envellecemento da nosa sociedade; a desertización humana do rural, a emigración dos nosos mozos, e a carencia dunha alternativa política que engaiole á sociedade fronte as políticas neoliberais dunha Europa soamente económica e cada día menos solidaria e social, o futuro incerto das pensións, e un longo etc.

A monotonía e a incertidume social sigue o seu devagar nas nosas vidas e sigue, tanto a nivel de Estado como neste noroeste galego, onde todas son verbas valeiras, intencións boas e nada novo salientable. Rajoy o presidente en funcións esperando acadar unha maioría dificil de xuntar, e Feijoo esperando unha chamada que lle abra as portas da metrópole madrilena.

E na terra de Breogán as mareás e o resto do nacionalismo discutindo, sempre discutindo por leas internas e vivindo na adolescencia política. E de todo isto derívase unha consecuencia política moi seria: xogamos na segunda división da política pois somo periferia.

En fin; mentres uns buscan candidatos, outros mangonean en san Caetano o noso futuro.

Os días pasan, e nós temos que volver a cantinela diaria e ir tirando ate que escampe. Portugal hoxe disfruta do seu trunfo, pero na vella Europa, e nós dentro dela, tentando ollar un futuro que parece cada día que pasa máis complexo e incerto ate para soñar.