Opinión

O cabalo de Atila

Anos atrás pregunteille a un compañeiro, que era concelleiro nunha vila desta provincia, como era o alcalde dese lugar. E con certa retranca contestoume: “Que queres que che diga, non fai nada, mais tampouco derrama”.

Isto que conto venme á memoria pois cada día que vexo as declaracións do alcalde desta, quedo pensando se son trolas, manías, gañas de dar a nota ou afán por saír nos medios de comunicación a calquera prezo. Jácome, cando fala, non dá unha a xeito.

Vexamos: unha persoa normal cando descoñece moitas cousas da historia da súa cidade, das tradicións e aspectos da vida pública ou non sabe como funcionan os servizos, o máis prudente é que pida consello e tente aprender e, sobor de todo, ser humilde e non ter diarrea verbal.

O caso é que milleiros de ourensáns, cada día que lemos o xornal quedamos un tanto abraiados do que di o primeiro rexedor. E o que chama a atención deste persoeiro, entre outras cousas, é a fobia que lle ten a todo o que sexa cultura e que non entre no modelo estandar que el ten no seu caletre. Modelo que ven importado e que apapanata á xente; modelo despersonalizado no que se mestura cultura con diversión e espectáculo. O obxectivo único da Concellería a que el lle chama de Arte e Festas pasa a ser soamente unha axencia de contratación.

A súa manía persecutoria comezou na oposición lanzando ataques contra a Banda de Música, e agora non hai banda nin se lle espera. Despois veu o festival Pórtico do Paraíso. Logo seguiu coa UPO, despois o Museo Municipal e agora cos premios Cidade Ourense de poesía e o Risco de literatura. E fixoo, segundo declarou, para aforrar cartos. Como se nestes dous premios que son coñecidos máis ala desta cidade e do Padornelo se dilapidaran fortunas, cando non pasan dun montante de seis ou sete mil euros.

E agora desbarra coa festa dos Maios facendo unha comparanza coas Fallas de Valencia. A verdade é que non sei quen é a mente privilexiada que lle dá tantas ideas ou o inspira. Non sei quen é o que lle da eses consellos para que el logo desbarre. Pero o máis triste é o papel que xogan os populares neste asunto. Hai uns días, a concelleira Morenza dicía: “Non sei se chorar ou rir”; referíase a cando falaba o alcalde. Mais despois de todo seguen tragando sapos día si e día tamén.

O certo é que Ourense vive un tempo de anticultura e desgoberno, de desprezo polo galego e pola cultura local. Si, esa que se fai nas asociacións culturais e na periferia da cidade, esa que lle deu nome e prestixio a esta urbe noutro tempo. Que pena desta cidade que ve como as cuestións públicas, entre elas a cultura, non son consideradas como deberan selo dende a institución municipal. Que pena de cidade onde non hai mantemento do público e todo sigue pechado, incluíndo as termas. Que pena me dá Ourense e o nivel de desprestixio ao que está chegando por manter no goberno a un señor que non ten ética, pois todo o que predicaba levouno ó vento. E agora fai o que lle peta co amparo do Partido Popular. En fin, o meu compañeiro tiña razón: o alcalde do seu pobo non facía nada, mais tampouco derramaba. Pero en Ourense temos o cabalo de Atila, ise que, onde pisaba, non nacía nin a herba; ou sexa, temos na cidade a un alcalde que escaralla todo o que toca.

Te puede interesar