Opinión

O modo do

En certa ocasión, un carpinteiro estaba a traballar no retablo dunha igrexa. E nunha desas o martelo escapoulle e diu nun dedo. O carpinteiro exclamou soltando un taco que o señor crego, alí presente, considerou unha blasfemia. E moi serio díxolle ó carpinteiro: “Na casa de Deus non se poden dicir esas barbaridades, que sonche pecado”. O caso é que o home seguiu a traballar e volveulle a escapar o martelo e diu nunha man. Moi doído mirou para o santo que estaban no retablo e exclamou: “Dicir non cho digo, mais ti xa me entendes”. 

Pois ben, esto que di o conto ven ser semellante ó que acontece no Concello da nosa cidade. Porque se non aras como quere o cherif e os seus, xa sabes o que che espera. Dicir, non cho din, pero aplícanche “ó modo DO”. Desta maneira ós técnicos que non atenden as peticións da autoridade, sen valorar se son legais ou non, danlle co método sinalado e pasan a seren marcados, o que implica apartalos do servizo ou relevalos no seu cometido e mandalos ó ostracismo o máis lonxe posibel. 

As cousas sonche como son. Xa o sabes: se non fas oque che pedimos aplicámosche a menciña, que é o que contestou no xuizo ó exconcelleiro que andivo nesas leas coa xefa da Policía Local. Descoñezo o que aconteceu con esa señora e cos demais sinalados, mais antes de tomar medidas drásticas débense argumentar e xustificar as razóns polas que se toma esa medida. Por pór un exemplo, se a tesoreira que revisa as facturas e as sinaturas antes de pagar e eso retrasa o pago, e o interventor pon pegas sobor da legalidade do que se quere facer, entendo que están a cumprir o seu cometido. Mais en Ourense as cousas son como son. Asi que: ollo ó can, que don Gonzalo manda e as súas verbas son ordes que hai que cumprir. E aínda que sexa camiñando no fío da navalla -enténdase, da legalidade-, ou aras ou aplicanche o dicir non cho digo, mais ti xa me entendes. 

O noso alcalde quere pasar á historia deixando Ourense como nunca o vimos. O centro planchado e os barrios e a periferia ó seu pairo. Mais, nos anos que leva mandando, aínda non vin nin unha mínima autocrítica deste atrevido e descarado señor. A humildade non vai con el. O mellor é unha frustración a que o persigue dende rapaz e por eso non pensa facer tal cousa. Segundo dicía antes de gobernar, todo o que había no Consistorio pouco menos que era unha merda. E claro, veu el como salvador para arranxar todo. Anda a rebulir no poleiro desfacendo case todo o que toca. E por eso tomouna cos funcionarios e sigue na súa matraca. E aínda que hai algúns que fan auga (mellor, que non cumpren), non todos son así, e os de máis responsabilidade teñen que coidar e moito os seus pasos. Non vaia ser que co seu visto e prace, cando pase a treboada e este alcalde marche do poder, haxa que ir declarar polos chanchullos que irán saíndo á luz. E os primeiros en pasar polo estrado da Xustiza sempre son os técnicos que asinan eses informes e avalan decisións poden ser ilegais ou que están no fío da legalidade. 

E como aínda quedan tres anos e pico de desfeita e de andar esgarabellando no que funcionaba bastante ben, como é o caso dos buses urbanos, esperemos acontecementos que, saídas de ton e circo nos plenos haberá moitas, e seguro que darán moito que falar. En fin, estas son cousas que pasan cando veñen os gobernantes de ordeno e mando e que, no fondo, son pequenos aprendices de ditadores.

Te puede interesar