Opinión

Ourencanto

Para que fuxan as penas, o mellor unha cantiga;/ o cantar sempre fai ben arredor de xente amiga.

Son moitas as cousas positivas que se lle poden atribuir ó canto. Son moitos os beneficios que aporta e non só físicos, senon tamén culturais e humanos. A cultura sempre será un elemento positivo e necesario na formación das persoas, e por extensión, das sociedades. E como nesta cidade, de actos netamente culturais andamos moi escasos, debo afirmar que despois de asistir ó concerto deste ano de Ourencanto lembrei moitas cousas positivas. Lembrei os tempos de corista en Agromadas, as viaxes e os concertos onde, ademais da música, socializábamos con xentes doutros lugares. Lembrei a persoas desaparecidas e a profesores do Consevatorio e un longo etc. Pero cecais o máis importante é que con votade altruísta e uns poucos cartos pódese traballar pola música dende a base e crear escola de futuros cantores. Si, de persoas sensibles cara ese mundo fermoso e moi amplo como é o da música.

O concerto deste domingo pasado no Auditorio, ademais de amosar o que se pode facer e transmitir cando se camiña con uns obxectivos claros, indica que traballar pola cultura, e neste caso pola música, nunca é perder o tempo nin os cartos.

Vivimos nunha sociedade onde cada día cántase menos e bérrase máis; onde a sensibilidade diante as cousas fermosas e ben feitas perde espazo, e onde é pouco considerado o traballo de crear base sensible para a musica e outras artes. A modernidade tantas veces mentada estanos levando a unha sociedade pouco sensible e humana. Está convertíndonos en persoas que escoitan como papanatas o que outros programan, mentres deixamos de ser partícipes e creadores que desfrutamos co que tamén nós podemos facer.

En aras de tanta técnica, esquecemos que o principal instrumento que temos os humanos é a voz. E que esta, cada vez máis, queda relegada soamente para a fala, e moitas veces para o berro en forma de canto bárbaro sen gusto.

No concerto puidemos escoitar música que se compuxo para nenos, un conto musicado, cantigas actuais e tamén música tradicional da nosa terra. Foi un concerto onde a vitalidade das voces encheu de ledicia o Auditorio. E onde houbo tamén moita calidade. Alí os centos de nenos e nenas cantores estaban moi ledos, o que sinala que, se seguimos ese camiño, haberá unha boa canteira de cantantes e músicos no futuro desta cidade hoxe gris. Moitos deles saborearon a ledicia de cantar en grupo por primeira vez, a de compartir unha experiencia nova. E eso é algo moi positivo.

A pena é que nestes actos ate aparecen os que traballan para desfacer a cultura. Non sei se veñen buscar o aplauso que non merecen ou se aparecen para que se lles vexa a faciana de almas tristes e escuras.

En fin, dixen ó comenzo que para que fuxan as penas, o mellor é unha cantiga. Pois penso que hai que engadirlle algo máis: e para termos unha sociedade mellor e máis culta, que berre menos, a música é moi necesaria. Así que, noraboa para os organizadores, noraboa para os profesionais e director deste evento tan fermoso. Tamén para os colexios, entidades participantes e os seus profes de música. E a todos darlles azos pra que sigan nesta tarefa moitos anos máis.

Te puede interesar