Opinión

O pleno dos casamentos

Di o refrán que non hai máis xordo co que non quere oír, nin máis cego co que non quere ver. O que acontece no Concello que rixe ese señor ó que non vou a nomear, supera todo canto se poida maxinar nunha película de Santiago Segura. A verdade é que ás veces un non sabe si é mellor chorar ou rir; non sabe si tomalo a coña ou si saír á rúa berrando para que se lle poña fin ó triste espectáculo que ise individuo dá cada vez que ten nas mans un micro. Pero como o sr. Baltar junior non quixo sacalo da cadeira municipal, pois que siga a comedia ate o fin do mandato de catro anos e que ese Ourense que tanto gaba o presidente da Deputación siga a ser o faime rir de todo o mundo mundial.

Mentres a cidade cae a cachos, pois as beirarrúas están maiormente escaralladas, os xardíns desfeitos, os buracos nas pistas do rural non se tapan e todos aturamos as peroratas dese señor que parece que manda pero nada arranxa, Ourense perde chance no panorama galego. Temos, polo tanto, unha cidade onde os servizos, como o do transporte urbán, siguen en precario; seguimos co PXOM de 1986, e a piscina das Burgas sigue seca. Igual acontece coa Praza de Abastos medio parada, cunha zona do rianxo feita unha merda e poderíamos seguir ata o infinito. Mentres, os ourensáns aguantamos con certo estoicismo o que acontece nos plenos do Concello. E resulta que, nun pleno de cinco horas, hai que escoitar o relatorio de que un concelleiro é o que casa máis xente e o alcalde ve niso unha posible irregularidade, pois el tamén quere oficiar os casamentos que lle corresponderían en función dos votos que tivo nas eleccións.

Eu non sei se serán os celos os que traen ó debate plenario este grande problema. Supoño que os ourensáns estarán moi preocupados porque co actual rexedor ninguén se quere casar. Semella que quen se disfrazou de Napoleón e Supermán no Entroido pensa que ten dereito a corrixir o que lle chama unha anomalía pero que non é tal.

Triste espectáculo ó que asistimos os ourensáns cada vez que hai pleno no Concello.

Mais as cousas son como son. E como o que crea o problema non se decata de que el é o problema, e non se entera de que el fai o ridículo cada vez que colle o micro, pois estamos diante un caso moi claro de cegueira e miopía agravado por unha xordeira moi fonda.

Hai uns días, varios funcionarios dixéronme unha frase que non se me esqueceu: Contamos os días que faltan para que remate o mandato e pase este pesadelo, referíndose ó alcalde. E eu pregunto, os ourensáns son conscientes do deterioro institucional deste Concello e das cargas que nos deixarán as súas arbitrarias decisións para pagar no futuro? E poño por exemplo a colocación das ramplas mecánicas na rúa Concordia.

En fin, o que pasa nesta nosa Auria lémbrame o acontecido en Vigo hai moitos anos cando fixeron aquel esperpento de excalestric que logo tiveron que chimpar. E o caso das ramplas veremos o tempo que duran e o leite que dán, pois o mantemento será moi custoso. Volvo ó escrito no comenzo, e aplícolle os refráns, mais non me esquezo de que quen ten a culpa de que aconteza todo o exposto, nada fará por remedialo.

Te puede interesar