Opinión

Relixión , folclorismo e negocio

Un compañeiro pouco amigo do tema relixioso, falando sobre o sentido da Semana Santa, dicíame que as cousas hai que velas dende diferentes puntos de vista. Hai que velas con frialdade e racionalidade para tirar conclusións que sirvan para algo. Se estes días soamente se perciben dende o punto de vista relixioso, e neles campa unicamente o sentido máis estrito, como puidera ser un tempo adicado á meditación cristián e a penitencia, como foi maioritariamente hai coarenta anos, poderíase caer no erro de perder unha fonte de dinamización económica para o turismo, piar importante da nosa economía. O folclorismo, as veces esaxerado e revestido dunha parafernalia un tanto mística e estrepitosa, non é nada máis ca unha expresión estética que ademais de contentar a cregos e beatas atrae turistas e beneficio para as empresas hoteleiras.

Pero ó marxe desta opinión máis ou menos acertada, o concreto é que ó abeiro dunha festa relixiosa, naceu un entramado económico que ano a ano non deixa de chamar a atención. Atrás quedaron os tempos daquelas semanas de penitencia, de imaxes tapadas con teas de color púrpura, de rezos e horas de vixía, de sacrificios varios, de abstinencia e meditación, de bulas e preceptos, e nas zonas do rural, de traballo polas mañás nas hortas e, pola tarde, de oficios relixiosos. Atrás quedan, falo de hai máis de trinta anos, as imaxes de recollemento, eu diría de medo que impoñían aquelas procesións cheas de soldados marcialmente desfilando polo paseo de Ourense.

Pero non serei eu quen diga aquelo de que “calquer tempo pasado foi mellor”. Se acaso, direi que cada tempo é diferente. E lembrar o pasado, que tiña moitos escuros e algún claro, soamente debe servir para ver a evolución na forma de vida e de pensar na nosa sociedade. E así ver a das institucións políticas e relixiosas e das xentes diante un feito popular que é motivo de crenzas e gran devoción.

Mais co tempo andado, lembro aqueles anos e percibo grandes cambios na sociedade que fan que estes días festivos, que naceron a raíz dun feito relixioso, son as festas do turismo, da praia, das visitas a cidades e da participación popular nas manifestacións externas dunha relixiosidade popular e sumamente folclórica.

Con todo o dito, cada quen fala da festa segundo lle vai nela, ou segundo a ve. Desta maneira, os hosteleiros, despois de facer contas, falan dunha semana boa, pois parece que o turismo incrementouse coa axuda do tempo agraciado e primaveral. As praias estiveron concurridas cos primeiros bañistas; as procesións, seguindo a liña e acordes co bo tempo, poideron saír e emocionar a moitas persoas nas que brota o sentimento popular que supera todo tipo de racionalidade.

En fin, nestas datas festivas o recollemento e a reflexión moi presentes noutros tempos, deron paso á expresión dunha sociedade cada día máis diversa e plural; sociedade na que se mesturan moitas cousas pero na que manda sempre a economía, que é o mesmo que dicir os euros.

Lembro as verbas do meu amigo quen solemnemente díxome: “Eu non son crente, pero se fora alcalde desta cidade, estaría potenciando a creación de confrarías e procesións para atraer turistas e visitantes á cidade, pois é unha maneira de potenciar a economía da nosa urbe”. Logo de tal afirmación quedei pensando e concluín que a nosa é unha sociedade sumamente plural e o meu amigo o que se di un home moi práctico, pois ten claro que relixiosidade, folclorismo e economía poden camiñar collidos da man.

Os tempos mudaron e moito dende cando eu era rapaz. Vou proporlle ó meu amigo que se presente para rexedor nas próximas municipais na cidade das Burgas, pois, queridos amigos, fai falla un alcalde con visión de futuro e sen complexos en Ourense.

Te puede interesar