Opinión

De revolucionarios a ditadores

Hai novas que chaman moito a atención. E unha delas é a que se refire ós 222 disidentes políticos presos en Nicaragua, liberados e convertidos en apátridas e acollidos por Estados Unidos. O coloso do norte parece ter interés en negociar co país centroamericano e salvarlle a cara ó tirano Daniel Ortega, igual que aconteceu no franquismo con España traendo as bases americanas e impedindo que os gañadores da II Guerra Mundial derribaran a ditadura do Caudillo.

Esta noticia lémbrame moitos casos de persoeiros que alentaron e lideraron movementos populares revolucionarios falando de democracia e liberdade, e que se ergueron contra ditadores; máis co paso do tempo, e acadado ó poder, convertíronse tamén en déspotas e tiranos, tanto ou máis cós que eles derrubaron.

A historia do século XX ten moitos exemplos que valen para ilustrar e confirman esta triste metamórfose política. E para elo non fai falla lembrar o que foi a Revolución Rusa, nin o que aconteceu no noso Estado cando os militares saíron enganados para salvar a República e logo viraron cara a ditadura de Franco. Chega con ollar a América Latina para ver o que a día de hoxe aínda acontece. 

Tomarei dous exemplos de países do Caribe. O primeiro é Cuba, onde a familia Castro, despois de encadear a moitos que con Fidel loitaron contra Batista, estes descendentes de galegos, instauraron unha ditadura que aínda perdura e que ten a Cuba sumida nunha situación decadente que arrepía. Outro que tal baila e que foi un lider do sandinismo é Damiel Ortega. Este persoeiro, enarbolando a bandeira da liberdade, agora encadea a oposición o igual que facía ó ditador Somoza contra o que loitou, ou que fai tamén Putin en Rusia, encadear ós disidentes, ós que critican a forma despótica de exercer o poder.

Non sei que ten o poder que, cando se asume, un quere perpetuarse nel a costa do que sexa. Son dos que pensa que a democracia é o réxime menos malo, pero tamén que acadar esta forma de goberno e mantelo require unha dose grande de dialogo e de sentido de que o poder é da xente que libremente se expresa nas eleccións e non unha leira propiedade de quen manda. O que agora acontece cos disidentes nicaraguanos lémbrame cando Franco condenou os exiliados republicanos como apátridas e gracias a Francia, que lles deu a nacionalidade, moitos puideron refacer as súas vidas. 

Onte vin nas redes como o nome dun republicano ourensán tiña unha rúa nunha cidade francesa. Os republicanos exiliados eran españois, pero non tiñan patrias, segundo Franco. Os ditadores son así de crueis. Son tiranos ós que se lles sube o poder a cabeza e se senten unxidos incluso por unha divindade que os puxo nel. Logo quedan os países democráticos que, coma o noso, fan valer unha frase que dixo o político inglés Winston Churchill: “Inglaterra non ten inimigos, ten intereses”. E esa frase sigue tendo vixencia, pois a España democrática, por intereses económicos e de fronteiras, esquece ó Sahara, que foi colonia española, e pacta con Marrocos, pasando polo forro o que din as Nacións Unidas. Ou sexa: facer un referéndum de autodeterminación do pobo sahariano.

Son cousas da política que se repiten a cotío. Pois ben, agora os EEUU, por intereses diversos, sálvalle a cara a un ditador que encadea á oposición e que, no seu día, aparecía como un liberador dun pobo oprimido. E di que o fai pola defensa dos dereitos humanos e outras cousas que poden ser boas para os dous Estados. Cousas veredes. En fin, que terá o poder que, dende que moitos chegan a el por eleccións truncadas ou con golpes de estado, agarranse a el e matan e encadean no nome da patria. De pena.

Te puede interesar