Opinión

As segundas partes nunca foron boas

Sempre hai un roto pra un descosido, lembra un dito popular. Outro di: as segundas partes nunca foron boas.

O certo é que, cando falta un ano para as municipais, comezan a saír nomes que poden ser os que encabezarán as listas dalgúns partidos políticos na capital ourensá. E seguindo esa pista, e facendo gala de que no PP hai moito banquiño, o presidente provincial xa deixou caer que vai recurrir ós vellos que xa estiveron montados no machiño. Pois supoño que pensa que esta pode ser a solución para superar a época Jácome, salvar os mobles e, con elo, a cadeira de mando do Pazo Provincial.

O malo de todas estas operacións é o lastre que levan os candidatos que tentan recuncar. O pasado sempre deixa marcas, algunhas positivas; mais tamén outras moi escuras e negativas. E estas sempre rezuman un pruído que vale para que os adversarios doutras formacións lle metan o dedo no ollo os que queren volver a sentarse na cadeira da Praza Maior.

Son dos que, cando escoito a algúns políticos falar, e ver como quitan peito para escurecer as falcatruadas que fixeron cando mandaban, rinse e din: eso xa está esquecido. E digo para min: eses que o din, están plenamente convencidos? Xa sei que hai quen traga todo o que lle contan, alá el. O pago témolo ben á vista, pois moitos ourensáns creron a un charlatán de feira e mira o tumor que nos saíu.

Mais, na dereita provincial acontece algo semellante ó que lles pasa a aquelas persoas e organizacións que queren rachar co pasado pondo de novo as persoas que foron responsables de graves asuntos; problemas que hoxe pagamos todos. E non é que non haxa xente nova con capacidade para liderar un cambio na política provincial dos conservadores. Xente sen pasado nin mochilas cheas de pedras que pesan moito. A razón é porque hai un vincallo que lle impide ós que están no poder rachar con ese pasado escuro e cheo de cacicadas, mellor anomalías que é máis fino. O pasado pesa moito, pero o medo a perder o poder pesa moito máis. Por eso o sr. Baltar, referíndose ó alcalde Jácome dixo que peor sería se estivera na alcaldía o sr. Villarino. Parece que agora este señor facendo de pitoniso, xa sabe o que nos deparará o futuro. E prefire darlle alas a un alcalde que insulta e minte como un cosaco cando fala.

Con todo, segundo din persoas moi autorizadas, todo apunta a que volvan á política ourensán figuras que xa son sombras. Mais de ser así, con elas chegarán e revivirán as cousas que se fixeron moi mal e que algunhas foron castigadas co peso da lei. E entre elas está a caída do Plan Xeral de Ordenación que se fixo sendo o sr. Cabezas alcalde. Plan, por se moitos non o lembran, que a Xustiza anulou polo cambio dos planos expostos ós cidadáns.

Os ditos populares están sustentados pola experiencia, están vivos na fala e case sempre levan razón no que din. Con eles sigo: nunca segundas partes foron boas. E afírmoo con rotundidade, pois en Ourense precisase oxíxeno para respirar e mirar ó futuro con ilusión. E nesta provincia aínda que goberna xente nova en anos, é moi vella en espíritu, nas formas e nos modos de dirixir. E así nos vai de ben. Pois imos de victoria en victoria ate a derrota final.

Te puede interesar