Tempo de pactos

Os resultados electorais deste o 26 de xuño son concluíntes. A política seguida polo Sr. Rajoy de deixar que outros se queimaran foi premiada polos electores. E todos os que contaban que os casos de corrupción aireados neste tempo lle farían dano electoral ós conservadores, trabucáronse rotundamente.

E, despois do fracaso de todas as enquisas e pronósticos que anunciaban o sorpasso de Podemos ó PSOE, podemos dicir que existía unha grande bolsa de voto oculto que, en certa medida, deu unha importante sorpresa a todos os opinadores e politólogos.

A política do medo a un cambio un tanto incerto e cheo de vagas promesas que pouca xente daba por cousa seria, fixo mover ó electorado conservador e reforzou notablemente ós populares. 

Con todo, agora ábrese un tempo de pactos que de seguro pasará, se non hai acordos, pola abstención dalgúns grupos e deixar gobernar en minoría a Rajoy, que saiu moi reforzado. En fin, de confirmarse estes números poderíase dicir que estamos nunha situación semellante á anterior destes segundos comicios. Pero cun reforzamento do PP e tamén do bipartidismo; unha caída de Cidadáns e un estancamento de Podemos, que recibe o seu primeiro revés. 

No tocante ós grupos nacionalistas, cataláns e vascos seguen a ter unha importante presenza nas cortes do Estado. Mentres, en Galicia, entendo que terá que abrirse un tempo de negociacións para tentar rearmar e unificar o nacionalismo e o galeguismo. A desaparición do BNG parece non ter solución. Por último, dicir que en Ourense, a provincia onde menos expectativas de futuro existen de Galicia, volven os populares a recuperar un escano, co que todo confirma que dentro desta feudo popular e baltariano somos un caso un tanto curioso e un tanto extraño.