Opinión

Trobadores do século XX

Horacio Guarany (1925-2017), músico arxentino, escribiu e cantou: “Si se calla el cantor calla la vida, porque la vida, la vida misma es todo un canto. Si se calla el cantor muere el espanto, la esperanza, la luz y la alegría...”

Hai uns días deixounos o cantautor cubano, afincado dende hai anos en Galicia, Pablo Milanés. No seu haber quedan moitos discos e cantigas todas con mensaxes que marcan a paixón pola vida e tamén por unha ética na maneira de vivila. Fermosa voz que se apagou nun mundo onde hoxe a poesía musicada perde espazo e é afogada polas cantigas en serie feitas só para o consumo, sen outro obxectivo que non sexa a diversión máis banal e moitas veces chocalleira.

Este pasamento tróuxome tamén á memoria os tempos de finais do réxime franquista e anos posteriores, onde os cantautores foron sempre a vangarda que, chanzo a chanzo, rachou coa censura que imperaba na sociedade do momento. Eles musicaron ós poetas prohibidos e silenciados facendo que as súas proclamas e textos nos permitiran escoitar a voz dos afogados pola escuridade da España en branco e negro. Deste xeito, os que eramos mozos daquela, soubemos dos poemas de Miguel Hernández, Antonio Machado, Rafael Alberti e moitos máis que na escola se nos agocharan. E tamén dos seus propios textos cheos de vida e beleza.

Os cantautores son os herdeiros dos antigos trobadores. Son os continuadores deses homes que eran poetas e músicos á vez, e que daban a coñecer os seus traballos na sociedade do momento. Nos anos sesenta e setenta do século pasado, a esas cantigas chamábaselle “cancións protesta”. Mais o certo é que esas melodías marcaron un tempo. Deixaron pegada e é preciso que o saiban os máis novos que hoxe so coñecen músicas tecno ou que veñen doutras latitudes. Naqueles anos, a censura revisaba as letras que pretendían cantar nos concertos e sinalaba as que se podían e as que non. 

Con todo, o tempo dos cantautores non pasou de moda. E segue vivo, aínda que sen tanta forza como naquelas décadas. Outras músicas menos comprometidas coa vida, cos problemas da sociedade e coa liberdade son as que se consumen e que se promocionan co obxecto da diversión sen compromiso social ningún. 

Mais no haber de toda esta xente quedan traballos moi pensados e teimudos, feitos por estes creadores que marcaron un tempo de compromiso social e de loita. Eles fixérono a súa maneira, pola democracia. Compromiso que non estivo contra a creación de beleza e bo facer artístico. Compromiso que soubo expoñer nas súas letras a realidade dunha sociedade moi distinta á actual. Nomes como Serrat, Aute, a desaparecida Cecilia, Javier Krahe, Lluis llac, Víctor Manuel e Ana Belén, e os galegos Luis Emilio Batallán, Bibiano e un longo etc. deixaron un bo fato de mensaxes que convén escoitar con detemento. Mensaxes que serven para reflexionar e para entender a sociedade do momento e ver as diferencias coa actual.

Un trobador deixounos. Un home con voz clara e mensaxe artístico marchou en silencio. Mais o importante é que nos deixa o seu legado que poderemos escoitar e valorar moitas veces. Por eso, as verbas do comenzo deixan claro que se se cala o cantor, sempre cala unha parte da nosa vida. E aínda que non o pareza, morre un chisco a esperanza, apágase unha luz e, con ela, as ansias de vivir en liberdade.

Te puede interesar