Opinión

Unha area no zapato

Hai pactos políticos que resultan ser moi perigosos. Os refráns teñen na súa existencia moita sabedoría. Por iso lembro un par deles: dime con quen andas e direiche quen eres, ou aquel outro de o que con rapaces se acosta... E hai máis semellantes que veñen a dicirnos que hai acordos que é mellor non facelos pois poden pasar factura electoral.

Mais os votos dos cidadáns ás veces son pouco reflexivos e danlle a confianza ó que logo resulta ser un pufo dos máis perigosos. E nesa situación andamos nesta cidade onde a vida política e social parece non ter futuro, pois, segundo parece, comeza unha nova andaina. O interese do alcalde da cidade por preparar a súa reelección lévao a compaxinar o posto de primeiro edil co de deputado provincial, tentando liderar esta provincia ida a menos. E, como me dixo un membro da prensa, seguro que iste paso vainos dar moitas e boas portadas, dado que o 22 deste mes, como se fose un premio da lotaría, toma posesión no Pazo Provincial como deputado o sr. Jácome.

Gonzalo, como xa ten demostrado, é unha persoa que ten incontinencia verbal. Non escoita os argumentos dos demais. Solo fala el. E cando os demais o fan, aplícalles o dito: fala, fala que por un ouvido me entra e por outro me sae. El, ó seu, e os demais que os parta un raio. Gústalle moito o espectáculo e nel dar a nota, aínda que desafine constantemente. E como ao mandato de catro anos xa lle queda pouco, quere ter un espazo propio e lucir como se fose unha estrela no universo provincial.

Mais o alcalde desta Auria naceu pra ser un guerreiro desfacendo facendas públicas e de paso tentando mellorar a súa. A Gonzalo gústalle moverse na regueifa, no lodo e desta maneira os plenos parecen discusións de tasca, onde os reproches contra os seus, ós que lle chama traidores, amosan unha postal case repugnante que nos leva a facer unha pregunta: nos plenos fálase e discútese dos problemas da cidade? Non. Falase das liortas entre o alcalde e os seus excompañeiros? Pois si. Pero se non temos PXOM, e tampouco temos arranxado as concesións de varios servizos importantes, todas caducadas? Eso non importa. Tampouco se fala de que a piscina das Burgas está seca. Eso si, fálase de que o seu partido lle fan falla máis cartos. Ah, todo pola pasta. Pois ben, esa é a situación que temos no Concello. Un alcalde que desautoriza a unha concelleira do seu equipo de goberno, e esta contéstalle que fala así pra desviar a atención dos seus problemas xudiciais. E este señor agora tamén estará na Deputación chupando cámara e os seus plenos verémolos na súa marabillosa tele. Manda nabo!

Todo augura que a foto da amizade con Baltar pasará a ser algo doutro tempo, e si no Concello o espectáculo barato é permanente, todo leva a que na Deputación pode acontecer algo semellante. En fin, que eramos poucos e pariu a aboa.

Moitos ourensás temos verdadeiro interese en saber cal será a reacción dos cidadáns que lle deron a confianza a este persoeiro de comedia. E de paso, se estes pactos serviron pra algo máis que facer o ridículo na vida política desta provincia. Polo que a area no zapato pode facernos rir e chorar á vez. Pois é posibel que vexamos de novo o deterioro das institucións. En fin, esperemos acontecementos.

Te puede interesar