Opinión

Vivir en comunidade

Que ninguén se engane. Non vou falar de vivir nunha comuna ó estilo dos hipis, non. Mais si quero deixar claro que o progreso social da humanidade sempre partiu de vivir en grupo, de reivindicar en grupo, de convivir en grupo e así chegou a prosperidade e o nacemento de pobos, vilas e cidades. Todo naceu co esforzo de camiñar pola vida en grupo. 

Seguindo o que comenzou no ano de 1987 co nome de Semana Cultural, e dándolle un espazo moito máis amplo e con elo máis contido, recibo como todos os socios polo wasap o programa do Mes Cultural de Seixalbo. A misiva chama á participación activa dos máis de catrocentos socios de San Breixo. E esa chamada váleme para falar das comunidades que viven cun certo grao de conexión, que reivindican conxuntamente e que senten moitos dos aconteceres diarios de maneira colectiva. Ben sei que vivimos nunha sociedade que, pola contra, promociona o individualismo en todas as facetas da vida, que sempre che fala de que ti como persoa seica podes acadar o que queiras con tal de seguir tal ou cal mandato sen pensar nos demais. Mais a día de hoxe sería moi positivo que se mantivera un equilibrio entre o persoal e o comunitario. E que tamén se puxeran en práctica algúns temas colectivos, pois estes deben ter prioridade nunha sociedade que convive e sofre, ou desfruta, de tales ou cales servizos ou problemas comúns.

Un dito popular afirma que o roce crea amizade e axuda á convivencia; arreda o descoñecemento e tende pontes en común. Se nos decatamos e miramos ao pasado, incluso ao recente, os avances e melloras no pobos, aldeas e vilas, como é o caso de Seixalbo, todos se acadaron partindo da unidade social, reivindicativa e colaborativa. E nese eido xogan un papel moi importante as organizacións de base. Si, esas unidades que, sin ter un recoñecemento lexislativo ou institucional importante, promocionan, traballan e colaboran nos asuntos do común. Neste senso, a figura das parroquias xogaron un papel importante no pasado. Tamén xogaron ese papel noutro momento as chamadas peonadas e traballos colectivos; igualmente, a figura dos alcaldes de barrio, e -ainda que hoxe están moi apagadas e cun silencio que non parece xustificado, pois o desleixo do goberno do Concello cara a periferia, os barrios da cidade e a cultura resulta clamoroso- as asociacións veciñais. Ise non é o caso de San Breixo. 

Vivir en comunidade implica sentir certos asuntos que nos atinxen a todos como se fosen propios. Hai máis de cuarenta anos, se tocaba a campá, polo toque a xente sabía o que acontecía. Se era un incendio, ou se morrera alguén, ou se era festa. En Seixalbo aínda segue tocando a campá e o reloxo que con tanto esforzo acadaron os nosos avós. Mais a medida que no rural e no extrarradio da cidade se vai perdendo poboación, vanse apagando elementos ou sinais que eran base da vida comunitaria.

Cecais porque sinto aínda esa forma de vida, cecais porque a vida plenamente individual camiña cara a termos moitas cousas, mais a vivir illados e a perder vincallos sociais, cecais porque penso que ise é un camiño errado que fai valer aquel dito: divide e vencerás... penso que hai que conxugar o privado coa vida comunitaria. Tanto individualismo é un atranco que impídenos mellorar social e humanamente. E isto é o que percibo que acontece nas sociedades chamadas modernas. Si, nesas sociedades onde nin os veciños do mesmo edificio se coñecen e, polo tanto, non se relacionan. 

En fin, en Seixalbo, os veciños saben moi ben que, dende o tempo dos foros, as melloras chegaron cando houbo unha importante unidade reivindicativa e veciñal. E ise feito, e tamén o cultural, permitiu que, como comunidade, camiñemos con certa seguranza na vida cotiá. Ter un mes de actividades culturais que animan á convivencia é algo de agradecer a asociación veciñal e á colaboración de varios colectivos, entre os que está Agromadas. 

Vivir en comunidade obriga a convivir e sempre é unha maneira de ter éxito e acadar metas para mellorar a vida de todos. 

Te puede interesar