Opinión

Xogar cos valores fundamentais

Todos os avances científicos teñen moitos elementos positivos. Mais, o igual que un coitelo sirve para moitas cousas boas, tamén pode ser empregado para facer moito mal. Por esa razón, todas as novidades e avances están suxeitos a seren empregados buscando unha sociedade mellor, máis humana e xusta, pero dentro dunha ética que permita que certos valores fundamentais se manteñan como o base da nosa existencia.

Hai uns días saltou a debate público o tema das nais de alugueiro, xunto coa idade para ser pai ou nai. E o asunto sacou á luz o que acontece en varios países do mundo onde esta permitida esta modalidade de xestación, e tamén a diversidade de opinións das diferentes forzas políticas sobor do tema. O asunto é moi controvertido e camiña entre o que é ético e o egoísmo dalgúns seres humanos que poden pagarlle a terceiras persoas para que xesten aos seus fillos.

Actualmente vivimos nunha sociedade na que parece que todos os desexos dunha persoa poden ser realidade; considéranse como un dereito, cando eso non é así. Mais, como os desexos que ás veces temos os humanos convértense nunha obsesión, comenencia ou nun capricho, saltamos todos os trabucos legais, imos a un país máis permisivo e pagamos o que sexa para que ise desexo se faga realidade.

O eufemismo chamado subrogación non deixa de ser un capricho pagado con moitos cartos para ter un fillo da maneira máis cómoda sen pasar pola incomodidade e o risco de levar ise ser no seno materno nove meses. Xeralmente as mulleres que se prestan a facelo son persoas cun baixo nivel económico. Ninguén, aínda que pode existir algunha excepción, o fai por altruísmo, ou sexa, sen cobrar. E neste asunto entra a ética e tamén a moral que ten a persoa que pretende ter un fillo desa maneira.

Hai unha serie de valores que a humanidade debe protexer. E ás veces, dá a sensación de que, con tanto avance científico, estamos a cruzar liñas que poden levarnos a que haxa mulleres que, coa desculpa de gañar uns cartos, xesten os corpos que outras mulleres poden pagar, e estas empreguen as primeiras como se fosen persoas de granxa que so están para procrear o que outras por comodidade evitan.

A ciencia nestes tempos avanzou moito, mais todo avance debe estar suxeito a unhas regras. E aínda que na teoría así o parece, o certo é que corremos o risco dunha sociedade deshumanizada e sometida ós caprichos duns poucos. Ter un fillo cando xa estas na terceira idade, mais parece un capricho que outra cousa. Se seguimos por este camiño, axiña nos decataremos de que imos por un vieiro de consecuencias indefinidas.

En fin, todo avance ten moitas vantaxes, mais se os empregamos só para satisfacer caprichos, desexos desmedidos, comenencias e comodidades, estamos socavando as bases da sociedade actual. E, o dos ventres de alugueiro abre moitas portas que non se sabe a onde poden levar á humanidade. Ser nai a determinados anos implica tamén pensar nese novo ser que ven ó mundo, e que non é un xoguete so para matar ou paliar unha pena ou cubrir unha desgraza. Asi que, ollo con xogar cos valores fundamentais referidos á existencia e procreación humana pois este asunto non é unha cuestión menor.

Te puede interesar