A xustiza feminina nos foros

A xustiza feminina nos foros

Xa van doce anos dende que a Asociación Cultural Agromadas decidiu recuperar e festexar a data de 1859, ano no que se fallou, na capital do Reino, o fin do litixio entre os veciños da Vila e Couto de Seixalbo e o bispado, polo pago dos Foros e rendas (500 moios de viño ó ano e outros produtos) á Santa Igrexa Catedral de Ourense. Daquel xuízo, que durou vinte anos, e que no seu día deu moito que falar por ser o único destas características que se deu en Galicia, saíron vitoriosos os seixalbeses que, liderados por Fernando Freire Carril, conseguiron eliminar o pago dos foros cen anos antes que no resto de toda a nosa terra. A loita xudicial consistiu en demostrar, baseándose nas leis desamortizadoras, que o foro da Vila e Couto non era propiedade particular do sr. bispo, se non da institución eclesiástica e, polo tanto, tiña que ser abolido.

Pois ben, nos tempos que andamos, nos que as festas baseadas nos padroeiros e demais santos da Igrexa pasan por malos momentos, esta conmemoración histórica ven manténdose con regularidade dende o 2006. A desaparición da vida no rural debido a caída en picado do sector primario, a carestía dos festexos e outros temas non menores están no fondo do asunto e xogan contra as festas ate agora tradicionais. 

Mais en Seixalbo, animados por un grupo de persoas coñecedoras da historia, co obxectivo de dar a coñecer o pasado e este feito descoñecido para a grande maioría dos habitantes do lugar e, atrévome a afirmalo, tamén dos ourensáns, decidiron pór en marcha este proxecto. A memoria colectiva é moi importante, pero a día de hoxe, entretidos no día a día, e o non falar en familia, pois xa fala por nós a radio e a televisión, a ruptura da transmisión oral esquece e ignora o noso pasado.

Este ano tamén se fallou o noveno premio Freire Carril, o cal foi recaer no Foro Enrique Peinador e nomeadamente no seu presidente, alma mater desta institución, Xosé González Martínez. Distinción merecida pois ó marxe da oficialidade promociona, e con moito éxito, a cultura e o idioma propio desta nosa terra nos distinto gremios e mundos da economía.

Pero o máis salientable, ó meu modo de ver neste ano, foi a posta en escea da obra “A xustiza feminina é singular”, da nosa compañeira e veciña Margarita Seara Pazo. Marga foi capaz de crear unha peza teatral que, enmarcada no século XIX cando aínda se pagaban os Foros, desenvolveu unha trama en clave de humor que soupo conxugar o entretemento coa variedade dos persoeiros e a imaxinación dunhas atrevidas mulleres, que foron capaces de mostras as súas grandes habilidades transformistas para gobernar e impartir xustiza.

Tarde fermosa no auditorio de Penouzos con abarrote de público e cunha participación moi ampla de veciños. En fin, non cabe a menor dúbida de que o traballo cultural en Seixalbo ten uns bos réditos. Polo que soamente me resta felicitar á Margarita Seara Pazo polo seu bo facer artístico, e os compañeiros de Agromadas polo bo traballo cultural realizado.