Opinión

Alexandre Bóveda 
e a Galiza Mártir

O 17 de agosto é o Día da Galiza Mártir, como lembranza do asasinato de Alexandre Bóveda no ano 1936, na Caeira, á beira de Pontevedra. A data foi escollida en recoñecemento a quen tivo unha vida entregada á Galiza e soubo manter unha actitude exemplar, mesmo en momentos tan dramáticos como ao ser fusilado por orde dun tribunal militar. En Bóveda, o galeguismo exiliado e emigrado quixo recoñecer a todos e todas aqueles, que durante séculos loitaron por unha Galiza ceibe, xusta e solidaria. E moi especialmente, a quen foron vítimas da represión da ditadura franquista.

Alexandre Bóveda naceu o 4 de xuño de 1903 en Ourense, cidade na que asemade realizou os seus estudos. Logo, preparou oposicións a auxiliar de contabilidade en Madrid. Aprobounas co número un, e pasará catro anos na Delegación de Facenda en Ourense. Neste período, publica o seu primeiro artigo. Sería no xornal La Zarpa, sobre o ferrocarril Ourense-Zamora. Posteriormente, consigue o posto de xefe de contabilidade de Facenda en Pontevedra. A primeira relación directa co galeguismo veulle participando na tertulia do Café Méndez Núñez, á que asistían Castelao, Losada Diéguez, Álvaro Xil, Paz Andrade, etc. Axiña amosa a súa capacidade emprendedora: en representación da Deputación, asiste como director fundador da Caixa de Aforros da provincia. Participa tamén activamente na Coral Polifónica de Pontevedra. Mais será no ámbito político onde máis destaca. No ano 1931 participa como orador na campaña galeguista ás eleccións a Cortes Constituíntes. E ese mesmo ano, asiste ao congreso fundacional do Partido Galeguista, colaborando coa elaboración do programa, e sendo escollido pra o cargo de secretario de organización.

Xosé Sesto dixo de Bóveda que era un revolucionario, xa que pretendía unha revolución das estruturas económicas e sociais que existían na Galiza dos anos 30, mais non era un marxista. As súas eran propostas económicas liberais e progresistas, que querían eliminar as limitacións que padecía o país a nivel externo e interno; nuns casos pola dependencia de Madrid, do centralismo castrante, e noutros, por unha sociedade sometida ao control caciquil e esmagada pola emigración. Esta era a revolución que daquela pretendían os galeguistas, nunha nación cun 70% de povoación rural e vivindo dunha agricultura de autoconsumo.

Alexandre Bóveda foi o organizador e dinamizador do Partido Galeguista (PG). Colaborador fundamental do Seminario de Estudos Galegos no anteproxecto de Estatuto de Galiza (ano 1930), así como da divulgación do texto que sería aprobado en plebiscito o 28 de xuño de 1936. Sendo católico militante, non dubida en apostar coa maioría pola Fronte Popular pra frear o avance da dereita, radicalmente oposta á autonomía. Sobre o táctico e o estratéxico, ou sexa a folla de ruta pra aquel intre, Bóveda dicía: “Cando por vez primeira na miña vida, o 12 de abril, fun exercitar o meu dereito a voto e votei pola República non era pra min un fin, senón un medio, como un medio tamén é o Estatuto”. Resulta evidente que as arelas de Bóveda ían pra alén da autonomía.

Oitenta e un anos despois, no Día da Galiza Mártir, coido que debemos lembrar todas aquelas persoas que deron a vida pola Patria e a democracia, encetando por quen como Bóveda tivo un papel sobranceiro na organización e expansión do nacionalismo galego. Mais, tampouco podemos esquecer a figuras egrexias, como Xohan Carballeira, Ánxel Casal, Víctor Casas, Xaime Quintanilla, Blanco Torres, e tantos outros, que deron a súa vida por Galiza, o progreso e a democracia. Agora ben, ademais da lembranza, o mellor recoñecemento que lles podemos facer é continuar coa súa obra, manter vivas as súas arelas, e enfrontar coa mesma valentía e teimosía que eles tiveron, os atrancos e retos que hai por diante.

Te puede interesar