Opinión

Arxentina, o “anarco-capitalismo” no poder

Milei convenceu co seu relato nas pasadas eleccións a un 56% dos/as votantes da Arxentina (participou o 76,31% do electorado). O resonsabel do aumento da pobreza, da precariedade laboral, da marxinalidade, da inflación, era, segundo el, obra da “casta”. Así denominaba aos partidos sistémicos e a todo aquilo que constitúe a estrutura do estado. Milei prometía eliminar o estado, e se quedaba algo privatizar a súa xestión. Ademais de substituír o peso polo dólar, pechar o banco central, privatizar as empresas públicas, e eliminar ou reducir as subvencións a moitos colectivos vulnerábeis que (seica) se “aproveitaban” destas achegas públicas. Aínda que contra o prometido aumenta impostos, mentres despide 20 mil empregados públicos. 

Como non conta cunha forte estrutura partidaria Milei asocia seu triunfo á súa agresividade, tanto contra a esquerda, como mesmo cos seus aliados circunstanciais do centro dereita neoliberal, aos que mesmo considera “socializantes e comunistas”. Reforzando no discurso, cando lle convén, a responsabilidade que ambos sectores teñen diante da sociedade pola crise económica e social, especialmente da última década (Macri, Álvarez). A falta de resultados e a debilidade institucional vólveo cada vez máis agresivo, xa que non ten maioría nas cámaras de senadores/as e deputados/as. Daquela que as contradicións entre o relato político previo e as decisións de governo son cada vez máis evidentes, e as medidas que impón non dan os resultados previstos. Por exemplo a caída do PIB e da recadación impositiva, o aumento do desemprego e da pobreza. Aínda así mantén unha alta porcentaxe de apoios segundo as enquisas, porén a mobilización do povo contra as accións do Governo é cada vez maior. 

Axúdalle nesta folla de ruta, baseada no sacrificio e/ou confianza cega dunha parte importante da sociedade, a fragmentación do peronismo e do centro dereita neoliberal, e a debilidade da esquerda antisistemica. Daquela que haxa analistas que coidan que a oposición ao proxecto ultraliberal de Milei debe ser unha alternativa que, ademais de denunciar as medidas regresivas que está a tomar, coloque no centro do debate un programa que dea respostas a corto e medio prazo a obxectivos como a xustiza social, solidariedade e soberanía nacional, ou sexa, aos atrancos e eivas estruturais que padece o povo arxentino. E esta alternativa da oposición, en positivo, debe ser organizada e estruturada, cunha folla de ruta e política de alianzas claras pra este momento histórico e o contexto nacional e internacional. 

O proxecto de cambio non pode estar supeditado a que a xente vaia abandonando a Milei polas súas declaracións regresivas e resultados nefastos pras clases populares das accións do governo “anarco-capitalista”. Facer política desde a comodidade de evitar a confrontación, canea a polarización, mais tamén alimenta a resignación, a polo tanto a fragmentación e abstención. A responsabilidade histórica do peronismo (kirchnerismo) neste tema é enorme, porque é a única expresión política que conta cun peso social e institucional abondo como pra sustentar unha oposición que confronte non só con Milei e asociados, senón tamén cos poderes económicos e facticos que o apoian tanto dentro do país como no eido internacional. 

A Arxentina é un experimento pra un reparto, entre nacións e clases sociais, aínda máis desigual do PIB, e dos salarios e das condicións sociais; como se fixo no seu día en Chile co neoliberalismo. Os países dependentes e a esquerda deberían estar atentos a estes cambios estratéxicos, máxime cando as forzas da ultra-dereita medran en moitas partes do mundo, tanto na periferia como no centro do sistema, e existe unha confrontación tan forte pra evitar a consolidación dun mundo multipolar e respectuoso da diversidade. 

Te puede interesar