Opinión

Contextualizar 
as eleccións

Os procesos electorais sempre teñen importancia, aínda que os partidos que fan do institucional o esencial normalmente dramatizan máis o próximo no calendario, co obxectivo de obter a atención social e mobilizar o voto a prol das súas propostas. Non hai dúbida que estas consultas son fundamentais porque a cidadanía ten nas súas maus a posibilidade de mudar a correlación de forzas institucional, pra fortalecer ou cambiar a situación. Polo tanto, sendo esencial a mobilización social e a loita das ideas pra que se teñan en consideración os intereses da maioría, ou sexa das clases populares, esta postura ten que se ver despois reflectida nas institucións políticas. E neste contexto, o único instrumento pra que sexa así é o voto. Mais, tampouco se poden ignorar os límites, xa que os procesos lectorais están condicionados polos donos do diñeiro e outros poderes fácticos.

As vindeiras eleccións xerais teñen valor, especialmente se significan unha mudanza de rumbo, dando folgos ao social, a recoñecer os dereitos das nacionalidades históricas, e desandar os recortes democráticos, sociais e laborais. Esperar moito máis dos resultados neste intre sería construír espellismos no deserto, porque todas as enquisas amosan un escenario político no que as principais forzas, tanto as tradicionais como as emerxentes, non están dispostas a rachar co modelo dominante. Aínda así, unha viraxe á esquerda ten valor, malia que sexa morna, porque muda a tendencia e será máis doado conquistar reformas de maior entidade no futuro. Tamén existirá máis sensibilidade diante da protesta laboral e social, da problemática nacional, cultural, lingüística. Ou cando menos, hai expectativas de que así sexa.

Moito maior é neste intre a incidencia política do conflito catalán, e especialmente de cal será a resposta do Governo central, máxime cando o PP se inclina pola saída autoritaria, por entender a historia como unha andaina de vía única, feita á medida daqueles que venceron hai séculos. A esta tese súmanse Ciudadanos, mesmo con posturas máis centralistas disfrazadas de modernidade, e o PSOE, que amaga co federalismo e practica a descentralización supeditada á globalización neoliberal, ou sexa, un modelo funcional aos grupos de poder da Unión Europea.

Tampouco axudan, pra solucionar este conflito, Podemos e aliados (mesmo algúns que se reclaman nacionalistas), que por unha banda falan de capacidade de decisión e de plurinacionalidade e pola outra, no cotiá, fortalecen o sucursalismo mediante redes de poder político, de hexemonía das ideas centradas en Madrid. Neste contexto, a situación en Catalunya, aínda que lle doa a Rajoy, racha coas solucións que cambian todo nos discursos e non mudan ren na práctica. Toda solución que non sexa a represiva, e polo tanto transitoria e condenada ao fracaso, debe pasar por negociar, por buscar saídas de consenso á cuestión nacional e, por extensión, a cambios no reparto da riqueza entre territorios e entre clases sociais. Isto é o que está en debate.

Neste novo escenario, só o BNG e as forzas galeguistas que forman NÓS-Candidatura Galega poden evitar que Galiza fique máis unha vez fóra de foco. Non afirmo con isto que se decida nas eleccións o futuro do país, porque iso depende da práctica todos os días, senón que unha representación do nacionalismo galego nas Cortes axudaría a que Galiza estea presente no debate coma protagonista. Que se defenda que somos unha nación con identidade e historia propia, así como que temos dereito a nos desenvolver aproveitando todas as nosas potencialidades, tanto económicas como humanas. Non podemos aceptar que o retroceso demográfico e a desigualdade se nos guinde inxustamente como produto da nosa incapacidade, e asumir a subordinación como algo natural.

Te puede interesar