Opinión

A cuestión está no reparto

Coa escusa do elevado déficit público e das esixencias da súa redución pola Comisión Europea, o Goberno comezou a dar os primeiros pasos pra un novo axuste. Xa se anuncian subidas nos impostos especiais que afectan ao consumo. Dado que se trata de produtos, como o tabaco e as bebidas, o aumento pode ser razoábel. Mais, chama a atención que se exclúan as rendas altas deste maior esforzo fiscal, xa que un imposto directo como o IRPF non se vai modificar, malia que a súa reforma en 2014 supuxo nestes dous anos pra o Estado, unha perda de 6 mil millóns de euros.

Ademais, resulta un timo que se pretenda presentar a eliminación dalgunha das múltiples excepcións ao imposto de sociedades, como símbolo de igualdade. Non é verdade. É aplicar en parte a presión fiscal que corresponde coa norma de carácter xeral, que é inferior á vixente en 2014. Ese ano reduciuse o imposto do 30% ao 25% con carácter xeral. As excepcións sobre o impostos de sociedades favorecen sobre todo ás grandes empresas, ou sexa aquelas que facturan máis de 60 millóns ao ano. Malia que o PIB actual é semellante ao existente antes da crise, e que os ingresos do capital e mixtos son superiores aos do inicio, os ingresos do fisco polo imposto de sociedades chegan só a 20 mil millóns de euros; a metade dos que se realizaban daquela.

O PP quere conxelar o gasto, e confía en que aumentando estes impostos, máis a eliminación dalgunhas excepcións nas grandes sociedades, a diminución do pago de xuros pola débeda, e o medre da economía, poderá cadrar o déficit coas esixencias da UE. O crecemento do PIB sustentaríase no turismo, por mor da inestabilidade en países competidores, e no medre das exportacións, e polo tanto do consumo, dando folgos á recadación tributaria, especialmente a do IVE. Agora ben, trátase dunha hipótese moi débil, dependente de factores externos, polo que todo fai pensar que o Goberno, as agachadas, vai continuar a reducir o gasto social. Por exemplo, mediante a redución ou privatización de servizos e prestacións públicas, xa que esta foi a tendencia dominante dos anos de goberno de Rajoy.

Este esquema, que foi o que funcionou nos últimos anos, fíxose ademais a costa de esquilmar o Fondo de Reserva da Seguridade Social. E dado que este está practicamente esgotado, suma atrancos ás hipóteses de equilibrio fiscal do PP. Novos problemas que só se poden resolver reducindo a contía das pensións e dificultando o acceso ás mesmas, ou como sería lóxico e solidario, rematando coa precariedade e os baixos salarios (perderon na Galiza 8,9% de valor hora traballada, durante a crise), e eliminando as subvencións nas cotas aos empresarios/as (2 mil millóns de euros/ano). Por certo, non é unha solución acaída aumentar os cotas aos traballadores/as, xa que se reduciría máis o salario neto, cando o xusto é que estes aumenten, dando así pulo a recadación tributaria.

A esta altura, e tendo en consideración o grao de globalización existente, as medidas keynesianas demostraron os seus límites, e os que apostaron polo axuste fixérono a costa da sobre-explotación dos recursos, da desigualdade e da pobreza, da desfeita dos ecosistemas, sen conseguir dar un pulo consistente á economía. O sistema está esgotado e as reformas xa non poden recuperalo, e o equilibrio orzamentario non é sinónimo de progreso. Cómpre un modelo de desenvolvemento autocentrado, sustentábel, e con xustiza social. E iso non é posíbel coa globalización neoliberal, e no marco do capitalismo, que é consubstancial á concentración e centralización da riqueza e do poder; á lei da selva. Hoxe o problema central non está no crecemento do PIB, en países nos que este é alto, por máis que sempre aspiremos a aumentalo, senón nun reparto xusto entre clases e entre territorios.

Te puede interesar