Encontros galeguistas en Bos Aires

Encontros galeguistas en Bos Aires

 Hai agora medio século, unha das forzas do nacionalismo galego xurdidas na década dos sesenta do século pasado, refírome a Unión do Povo Galego (UPG), mantivo dous encontros en xullo e agosto coa Irmandade Galega (IG) e co Consello de Galiza (CG) en Bos Aires. Hai que lembrar que neste mesmo período nace o Partido Socialista Galego (PSG), co que algúns membros da IG e do CG mantiñan contactos previos a esta data, ben mediante persoas que viaxan a Galiza ou por carta. O propio farán con galeguistas ligados a Galaxia, xa que foi na cultura onde se refuxiaron os activistas ou simpatizantes do Partido Galeguista. 

O primeiro contacto directo entre a UPG, a Irmandade e o Consello deuse co gallo da viaxe de Celso Emilio Ferreiro á capital da Arxentina, cando foi convidado a participar das Xornadas Patrióticas Galegas, realizadas no marco do Día Nacional de Galiza de 1968. Celso Emilio que residía dende 1966 en Venezuela, nun exilio forzado pola represión da ditadura, mantivo unha reunión con ambas no local do Centro Ourensán. Participei do evento en representación da IG, acompañando a Moisés Da Presa. Eu non entraría na dirección da IG até xaneiro de 1969. Na reunión tamén estiveron Antón Alonso Ríos e Xosé Abraira en nome do CG. A conversa centrouse en lograr unha maior coordinación e dar o máximo apoio ás forzas nacionalistas e á loita social que agromaba na Galiza interior. Celso Emilio Ferreiro naquel intre militaba na UPG. 

A Unión do Povo Galego fortaleceuse como referencia na emigración na Arxentina, despois da participación de Xosé Lois Méndez Ferrín nos “Xogos Froraes do Idioma Galego”, celebrados a finais de agosto de 1968. Axudaba neste obxectivo a súa xuventude, e o pulo cualitativo que significaban as protestas labregas contra o salto de Castrelo de Miño en 1966, o éxito da folga estudantil de abril dese mesmo ano na Universidade de Compostela, e que a UPG tivese presenza nestes conflitos. O acto principal dos Xogos celebrouse no salón de plenos do pazo do Concello Deliberante da cidade de Bos Aires.

Destacaba a presenza do capitán Acosta, en representación do Almirante Benigno Varela, xa que o país estaba baixo a ditadura militar de Juan Carlos Ongania (o evento recolleuse nun libro: “Xogos froraes do idioma galego”; Editorial Nós, 1969, Bos Aires). No banquete de clausura, nun hotel, a intervención de Méndez Ferrín non lle agradou a este militar, e o seu cambio de semblante foi evidente pra todas as persoas presentes, entre os que me atopaba. 

Con Méndez Ferrín acordei a miña plena incorporación á UPG. Aínda que os meus primeiros contactos eran anteriores. Comezaron cando, nun xantar conmemorativo da Segunda República, realizado na Federación de Sociedades Galegas, Camilo Díaz pasoume o primeiro número de Terra e Tempo, cos famosos 10 puntos dos principios e obxectivos. Nesa altura, eu xa participaba das reunións da Irmandade dende 1967, e colaboraba cun partido da esquerda revolucionaria arxentina.  Polo que meu achegamento non foi, como di Ferrín no limiar do tomo de A Nosa Terra (ANT) correspondente ao exilio (1951-1972), unha decisión da UPG. Por esta razón no número de maio de 1968 de ANT escribín o meu primeiro artigo “Son mester técnicos” asinado coas siglas MMS, por suxerencia de Da Presa. O seguinte artigo asineino co meu nome e despois con diversos alcumes (Xan do Val, Manoel da Fusquenlla, Antón Castro). Logo dos contactos con Camilo Díaz, non tiven que teimar moito na IG pra dar máis información social e dos novos partidos galegos, xa que a dirección era moi sensíbel ao tema. Axiña comecei dar a coñecer na “colectividade” a UPG, aínda que a miña meta había anos que estaba focalizada no retorno. En resumo: hai medio século enlazáronse en Bos Aires o vello e o novo nacionalismo galego.