Opinión

Gaza, medio ano de masacre e destrución

Xa hai máis de medio ano que o exército israelí está masacrando ao povo palestino, especialmente en Gaza. Moitos analistas, partidos e países o cualifican como un xenocidio, tendo en consideración que van máis de 33 mil persoas mortas (un 70% mulleres e nenos/as) e 75 mil feridas, 1,9 millóns de desprazados, pra un total de 2,4 millóns de habitantes. Agora ben, tampouco se pode obviar que en Cisxordania, que non está en guerra, durante este período os colonos israelís mataron e feriron a centos de palestinos e expulsáronos a moreas; e son uns 5 mil os detidos desde o 7 de outubro. 

Segundo unha análise do Banco Mundial o PIB da Franxa de Gaza caeu un 86%, ou sexa, a situación económica é dramática, e a axuda exterior mínima xa que está atrancada en gran medida pola ocupación do exército israelí (Israel rexeitou a entrada dun 30% da axuda humanitaria no norte de Gaza). Desmentindo na práctica, diante da protesta internacional e a difícil situación na que colocaba a países aliados, a promesa de que Israel ía permitir unha maior entrada de produtos esenciais. Cómpre lembrar que antes do conflito un 63% da povoación vivía na pobreza e 8 de cada 10 persoas recibía algún tipo de axuda. 

O executivo israelí quere xustificar os bombardeos e a masacre de civís, coa escusa de que estes estarían protexendo aos “terroristas” de Hamás, polo que se trata de cómplices ou dun dano colateral. Máis a cifra de mortos e feridos civís, a destrución de vivendas, centros de culto, hospitais, e todo tipo de infraestrutura, a uns niveis nos que a maior parte da Franxa de Gaza é inhabitábel, resta valor argumental a Netanyahu. Non existe a máis mínima proporcionalidade, mesmo habendo israelís retidos polos milicianos de Hamás. Ademais á falta de atención medica sumase a carencia dos alimentos pra atender a toda a povoación. Hai unha situación estrema. 

Na práctica os acontecementos fortalecen a hipótese de que se busca expulsar ao povo palestino, como xa se fixo noutras oportunidades desde a creación do Estado de Israel. Ademais do mesianismo de que “os xudeus son o povo elixido por Deus”, hai un tema que está sobre a mesa: até que punto xogan un papel importante, na postura de Natanyahu e seu Governo, os xacementos de gas no mar da costa da Franxa de Gaza e a construción dunha canle alternativa á de Suez?... 

Resulta difícil de compartir a actitude sobre o terreo de Estados Unidos e aliados, cando deixan as mans libres pra que Israel masacre á Franxa de Gaza, permitindo que se consolide a destrución, sen tomar máis iniciativa que a de pedir a entrada de axuda, que certas zonas fiquen fóra da área bombardeada e ocupada. Trátase dunha actitude que contrasta coa agresividade que manteñen en relación ao conflito de Ucraína, tendo en conta as consecuencias económicas das sancións e o perigo dunha guerra nuclear. Neste conflito a Unión Europea non destaca pola procura dunha saída negociada.... tampouco en conseguir recursos pra reconstrución de Gaza. 

A postura razoábel é, sen lugar a dúbidas: a negociación dun alto ao fogo; a liberación dos reféns israelís, así como dos milleiros de palestinos, mesmo menores, detidos nas cárceres de Israel por razóns políticas; o recoñecemento do Estado Palestino; e a devolución das terras ocupadas polos colonos. Ou sexa, cumprir coas sucesivas resolucións da ONU e do Tribunal Internacional. Esta solución non só sería positiva pra os palestinos senón tamén, mirando a medio e longo prazo, pra Israel dado que o poder estase a desprazar cara a periferia e non son poucas as potencias musulmás que terán un papel cada vez máis decisivo no concerto internacional (Arabia Saudita, Iran, Turquía, Paquistán, Indonesia, Exipto,...). 

Te puede interesar