Opinión

Por que perdemos 
povoación?

Os datos definitivos do padrón da povoación do ano 2014 referidos ao noso país foron destacados por todos os medios como moi negativos, e teñen razón. En concreto: hai 17.245 habitantes menos. O descenso é especialmente grave na franxa de idade entre 15 e 34 anos, xa que se perden 27.000 residentes con relación ao ano anterior. Esta queda do número de habitantes, por mor da migración e a baixa natalidade, contrasta co gran optimismo que sobre a marcha da economía e do emprego se manifesta por parte da Xunta de Galiza. Mais, se a situación mellorou tanto, e as expectativas son tan boas, ¿por que a xente marcha e as familias non se atreven a ter fillos/as? 

Resulta evidente que o avance ou retroceso da povoación reflicte como ningún outro dato a situación económica e social dun país, e o estado de ánimo da xente. E ninguén pode ignorar que como consecuencia da situación económica, mais tamén de sucesivas reformas laborais, a mocidade foi a principal vítima dos contratos temporais, das xornadas extenuantes e dos baixos salarios, empurrando a moitos/as á emigración na procura dunha saída. A isto hai que engadir a redución e privatización de servizos públicos esenciais, un gasto que se trasladou ás familias, co que isto significa pras clases populares neste contexto de tantas dificultades. Neste escenario, como vai medrar a natalidade? Cómpre ser moi atrevido/a ou irresponsábel, ou pertencer a esa minoría que consegue un traballo fixo ou ten garantida a axuda da familia en caso de necesidade. 

Ademais, malia que Rajoy afirme que a crise é cousa do pasado, o futuro tampouco semella ser tan optimista, cando menos pra Galiza. As cifras da evolución do emprego pra o noso país son moi preocupantes. Segundo a EPA, rematamos 2014 con 2.200 persoas ocupadas menos que a principios de ano. Isto contrasta cos 433.900 empregos que se xeraron no Estado español (EE), destacando no aumento: Baleares, Madrid, Valencia e Andalucía. Hai que ter en consideración que Galiza, de seguir a tendencia do EE, debería ter creados uns 25.000 postos de traballo o pasado ano. Unha matización necesaria. Non se pode esquecer que durante os últimos anos destruíuse emprego fixo e indefinido, que se está a substituír por outro temporal e a tempo parcial. Ou sexa, o emprego xerado medido en xornadas completas é inferior ao medre da povoación ocupada. Isto é válido tanto pra o EE como pra Galiza, polo que se mantén o importante diferencial na xeración de emprego. 

Os datos negativos de povoación e do emprego, da situación da pesca e do agro, e da queda da actividade industrial, non deixan dúbidas: somos o furgón de cola. Unha análise mínima permite ollar que, a “locomotora” non turra pola nosa economía senón que a utiliza como combustíbel extra pra avanzar máis rápido (así de sinxelo, e ademais non é unha novidade). A crise converteuse nun axuste que redistribuíu a riqueza en beneficio do capital (mesmo excluíndo a un sector importante da clase traballadora), e potenciando os centros de poder económico e político, empobrecendo o tecido produtivo na Galiza e colocando a maioría das empresas baixo control foráneo. 

Esta situación económica e social regresiva produciuse malia a nosa riqueza, o carácter laborioso da nosa xente, e a termos a xeración máis preparada de toda a nosa historia. Produciuse por mor do desleixo ou a complicidade do Governo galego. De ben pouco lle valeu ao povo galego que Feijóo puxese o acento no equilibrio orzamentario, nos ataques aos desexos de soberanía en Cataluña, ou nas servidumes a Madrid pra obter un trato mellor. Encol destes aspectos debería reflexionar a Xunta de Galiza, e rectificar. Aínda que... os antecedentes reflicten que non o vai facer, que as súas prioridades son outras, que Galiza vese como un trampolín.

Te puede interesar