Opinión

Prezo da electricidade, cuestión urxente e estratéxica

Resulta evidente que producir enerxía eléctrica suficiente e a un baixo custe é fundamental, non só pra dotar a todas as familias dun recurso básico, senón tamén pra que o sector industrial poda producir en condicións óptimas de competencia e os servizos non se vexan obrigados a repercutir no consumo a subida de custes de mantemento das infraestruturas. É evidente que a folla de ruta pra producir enerxía verde, mesmo recoñecendo a súa urxencia, ten eivas que non se poden ignorar. Non se tiveron en consideración os escenarios máis negativos respecto dos imprevistos climáticos, que obrigaban a impedir os consumos non xustificados e adicar un gran esforzo técnico ao almacenamento.

Pra garantir o subministro de electricidade verde de xeito constante non chega con aumentar a potencia instalada de aeroxeradores, placas fotovoltaicas, centrais hidroeléctricas, etc. xa que dependen dunha variábel non controlábel como é o clima. Pode haber semanas onde coincida pouco sol, aire e chuvias ao mesmo tempo. Daquela, teríase que recorrer as enerxías contaminantes, como a das centrais de ciclos combinados, ou as moi contaminantes como as térmicas, e ás extremadamente perigosas e cun problema de residuos como as atómicas. Nas de ciclo combinado e térmicas débense pagar as peaxes á emisión de CO2, como nesta conxuntura, co engadido dun aumento do prezo do gas. Ao que se suma un sector oligopolio onde o obxectivo fundamental é o aumento da taxa de beneficio, obviando as consecuencias sociais, económicas e ambientais (baleirado dos encoros).

Polo tanto, a cuestión de fondo na produción de electricidade non está só en aumentar a potencia pra producir enerxía verde senón tamén en contar con medios apropiados que permitan almacenala en grandes cantidades e a un baixo custe, pra abastecer o consumo cando o clima non axuda. Daquela, cómpre facer un consumo responsábel da enerxía. Por exemplo, é incomprensíbel que se permita a minería pra obter criptomoedas, cando consume tanta electricidade como Suíza. Tamén afecta negativamente que se utilice a iluminación das cidades como reclamo pra alentar o turismo (e a propaganda partidista), aínda que as bombillas sexan de baixo consumo. A idea que se sementa é que o gasto de enerxía está xustificado como espectáculo, cando se trata dun ben escaso e de primeira necesidade, como se comproba estes meses en todos os fogares, negocios e empresas.

Neste mundo, cada vez máis dependente dos aparellos e da tecnoloxía, é lóxico que se pidan solucións inmediatas respecto do alto prezo da electricidade, así como estratexias a medio prazo. Está xustificado o debate e que se convoquen mobilizacións, como a do vindeiro 19 de setembro nas cidades e moitas vilas galegas. Nas que a CIG reclama entre outras cuestións: a creación dunha empresa pública coas hidroeléctricas; retirada do pool do mercado ao por maior das centrais hidráulicas e as nucleares, fixándolles prezo de venda. Tamén pide unha tarifa propia pra Galiza, tendo en conta o exceso de produción, e o menor gasto na rede de subministro e caída de potencia.

Resulta incompresíbel que nun sector dunha importancia estratéxica, que afecta a vida cotiá das persoas en todos os aspectos, non exista unha empresa pública que garanta a produción e distribución. Máxime cando os beneficios das tres principais empresas privadas son inmensos, e que unha delas ten como accionista maioritario unha corporación pública italiana. Tampouco se entende porque sendo a nación galega unha gran produtora de enerxía, e exportadora, non se creou un centro de investigación sobre grandes acumuladores de enerxía, como se fixo noutras autonomías, co apoio do Estado. Nen o Governo central nen a Xunta están á altura da conxuntura. Ten lóxica a protesta.

Te puede interesar