Opinión

Traxedia grega e loita de clases

Syriza foi vista por moitos gregos e gregas como unha alternativa de urxencia, fronte ás políticas de axuste que colocaron unha boa parte da povoación na precariedade ou na marxinalidade. Os seus obxectivos contrastaban cos dos conservadores de Samarás, e dunha socialdemocracia negadora das súas orixes. Tamén resulta evidente que, de se aplicar, as súas propostas significarían un alivio pra os sectores máis esmagados pola “crise” e as políticas impostas pola Unión Europea. Políticas que son aplicadas coa complicidade da alta burguesía, e franxas significativas das clases medias acomodadas. Porén, levar adiante unha ruptura democrática, aínda que sexa morna e sen rachar co capitalismo, como propón Syriza, neste intre histórico é imposíbel sen unha saída da eurozona e da Unión Europea. 

Pensar que a correlación de forzas nas institucións europeas vai mudar fundamentalmente en base a argumentos humanitarios, ou porque se poda usar como un arma eficaz a valoración de prestixiosos economistas que consideran ilexítima a débeda grega, semella moi inocente e ignora a práctica histórica destes dirixentes e partidos. Tampouco fica moi claro que sirva pra xerar unha contestación social na Unión Europea que force a un cambio de postura da Comisión, e dos governos dos Estados. Ate o momento, o maior éxito foi conseguir unha forte corrente de opinión favorábel na esquerda, e dar folgos ás vías europeístas reformistas como folla de ruta axeitada pra rematar coas crecentes desigualdades entre clases e entre territorios. O problema é, que a medida que pasa o tempo, a realidade confronta con esta estratexia, tanto se se consideraba acertada, como se o que se pretendía era gañar tempo e consenso social pra unha ruptura negociada cos sacrificios impostos pola Comisión, o BCE e o FMI. 

Estas limitacións na folla de ruta son recoñecidas mesmo dentro de Syriza. Por exemplo, por Antonis Nvatellos, membro da súa dirección. Este valora nun recente artigo que: “A decisión de pagar ate hoxe regularmente as sumas esixidas polos prestamistas (decisión derivada do acordo do 20 de febreiro) -aínda que non dean un céntimo dos préstamos prometidos e debidos polos acordos anteriores- esgotou perigosamente a liquidez pública, facendo que o momento crítico estea próximo, moi próximo (...) Hai un medio para saír deste círculo vicioso, aínda que máis difícil cada semana que pase ou se efectúa o pago da débeda: cómpre paralizar o pago da débeda aos usureiros (defender a nosa "liberdade" e escapar do capital); aplicar as decisións da conferencia de Syriza no que se refire aos bancos (impostos sobre o capital e sobre os ricos para financiar medidas antiausteridade); soster esta política por todos os medios necesarios, incluíndo un conflito coa Unión Europea e sobre o euro”. 

Todo amosa que Syriza quixo canear a loita de clases. Esta maniféstase nos países subordinados no eido socio-económico e na cuestión da soberanía nacional. Syriza fíxoo porque ofrecer cambios sen sacrificios ten un maior engado e permite un aceso máis rápido ás institucións. Isto é a moda de hoxe, o que fai dunha acampada das clases medias unha revolución, e da emigración universitaria unha traxedia; ou que se ollen as loitas obreiras e populares, que duran meses, con detidos e sancionados a esgalla, e a tradicional e masiva emigración da clase traballadora, como parte da paisaxe, da banalidade da vida. Por iso Syriza non é só una nova experiencia socialdemócrata, senón a esperanza dos que queren mudalo todo sen sacrificios, só co verbo e co voto. Polo tanto, é importante pra esquerda consecuente, prao nacionalismo galego, debater o errado destas ideas, valoralas á luz da práctica e da historia. Agardar a que fracasen, é perder un tempo precioso

Te puede interesar