A UE e os escenarios posíbeis

A UE e os escenarios posíbeis

Estados Unidos desligouse do Tratado de Non Proliferación Nuclear de Iran. Un acordo do que se gababa Obama, e que ademais fora asinado por Rusia, China, Alemaña, Reino Unido e Francia. A escusa foi, que Teherán seica non cumpría o acordo. Un argumento que contradí todos os informes da OIEA, a organización das Nacións Unidas garante do pacto, mediante comprobacións sobre o terreo. A Trump valéronlle máis, a versión interesada de Israel e as proclamas belicosas da monarquía saudita. 

Hai quen di que o lobby sionista é o que manda en Washington. Porén, mesmo sabendo da súa incidencia empresarial e mediática, non tería capacidade abondo pra contrariar os intereses das grandes corporacións. Polo que todo reflicte que unha parte significativa destas están a apoiar ou consentir as políticas agresivas de Trump, porque lles vai ben ou lles pode favorecer a medio prazo. O aumento do prezo do petróleo e do gas, por mor das sancións a Rusia, Irán e Venezuela, beneficia os produtores norteamericanos, que teñen maiores custos de explotación. Os conflitos e demostracións de forza dánlle consolidan o complexo militar, en mans privadas, dando folgos ás exportacións. Isto implica unha maior dependencia militar respecto do Pentágono por parte dos estados aliados e subalternos, e polo tanto das normas que impón o imperio en todos os eidos.

Moitas das actitudes de Trump semellan arroutadas, mais todo indica que responden a unha táctica calculada coa que Washington quere recobrar o poder perdido. Modos perigosos, porque colocan o mundo ao borde da confrontación entre potencias nucleares de xeito permanente. Esta é a razón pola que a inxerencia militar se combina con sancións, permitindo impoñer regras de xogo no comercio mundial pra forzar un reaxuste internacional da distribución do traballo e da riqueza. Ese é o motivo polo que, esta iniciativa, afecta tanto ás potencias emerxentes que cuestionan o seu liderado, como aos estados aliados, especialmente a aqueles cos que ten un déficit comercial ou de capitais moi grande. 

Como resultado desta estratexia imperialista debúxanse varios escenarios posíbeis. O primeiro, que a presión sobre Rusia, China, Irán e outros estados non consiga os seus obxectivos; que a Unión Europea e Xapón se preguen ás posturas de Washington; e que o mundo se divida en dous bloques. O segundo, que Estados Unidos, a UE e China, cheguen a algún tipo de acordo, no que estes últimos ceden respecto dalgunhas esixencias, aumentando o financiamento exterior a fondo perdido da economía norteamericana, polo papel de “policía mundial”. A terceira, sería consecuencia de que a UE se afaste das medidas de Trump, cansa de chantaxes, da confrontación constante entre potencias, e das guerras permanentes cada vez máis internacionais e destrutivas. 

Agora ben, ademais dos aspectos económicos e estratéxicos, inciden na toma de decisións as cuestións ideolóxicas, culturais, de protagonismo. Daquela que calquera destes futuros escenarios sexa posíbel a esta altura. Sen dúbida, o último deles sería o máis beneficioso pra a humanidade, xa que fortalecería a multipolaridade, e polo tanto o respecto polas soberanías nacionais e o dereito de autodeterminación, e axudaría a poñer en primeiro plano a problemática laboral e social, a cuestión ecolóxica e democrática. Todo fai pensar que Bruxelas, pra alén de manter as formas, trata de gañar tempo e non amosar submisión, aínda que seguirá os ditados de Estados Unidos. O gran capital de ambos lados do Atlántico está moi mesturado en negocios comúns, totalmente confrontado coas clases populares e ignora ás nacións periféricas. En todas estas hipóteses medrarán as contradicións internas na Unión Europea. Terminará estoupando? Reconfigurada en varias alianzas?..