Opinión

Unha Siria dividida?

As grandes axencias de noticias colocan os focos no terrorismo xihadista nos países occidentais, así como nun pretendido expansionismo ruso, eludindo tratar as causas e as traxedias da guerra en Siria, Libia, Iemen, por poñer algúns exemplos. Quérese sementar na conciencia colectiva que os  xihadistas e Rusia están asociados no mundo do mal. Porén, Moscova destaca como a potencia que mantén unha actitude máis belixerante contra o terrorismo, mentres que os Estados Unidos, pola contra, así como Arabia Saudita, Qatar, Emiratos e Turquía, axudaron a crear ou alentaron estas organizacións terroristas, como Al Qaeda e o Estado Islámico (EI). Evidentemente, esta mensaxe non é casual e serve de escusa pra intervir en Siria e outros países. Facer de Rusia o novo inimigo estratéxico permite dar folgos aos gastos no complexo industrial militar, un sector no que Washington ten a hexemonía. 

A decisión dos Estados Unidos de atacar o EI en Siria e Iraq e, ao mesmo tempo, contar con Al Nusra (Al Qaeda) e organizacións próximas pra consolidar a división de Siria, semella seguir este guión. Trataríase de controlar un extenso territorio que abranguería o Eufrates e toda a fronteira con Iraq.  Pra iso, era necesario abrir unha fronte en Al Tanf, impedindo que o Governo sirio recuperase este territorio. Pra evitar esta manobra o exército sirio desenvolveu durante este mes unha operación sorpresa quitándolle ao EI unha ampla franxa ate a fronteira iraquí, impedindo a unidade territorial entre as forzas aliadas de Washington. Esta operación dificulta que o proxecto de división de Siria se leve adiante, mais non o impide, porque xa é unha realidade práctica no terreo.

De se consolidar a división, sería unha demostración máis de que o dereito internacional, construído pra evitar que se repetise unha nova Guerra Mundial, está definitivamente enterrado. E a soberanía das nacións só estará garantida pola súa capacidade militar. As Nacións Unidas tamén carecerían de sentido, a non ser pra dar aparencia de legalidade á lei do máis forte. En Siria estase a producir unha pequena guerra mundial, se temos en consideración a relevancia dos suxeitos que directamente interveñen no conflito. A existencia de campamentos con forzas da OTAN no norte, e a instalación da base de Al Tanf, todas elas sen o consentimento do Governo do país, nen o amparo das Nacións Unidas, amosa ate que punto a invasión é un feito planificado, onde o combate ao Estado Islámico é tanto unha necesidade como un oportuno subterfuxio. 

A división de Siria reflectiría que o principal obxectivo non era derrotar o terrorismo e normalizar a situación, senón deixar patente ante os dirixentes do mundo, que os Estados Unidos poden ocupar calquera país cando o desexen. É dicir, que non existe alternativa ás regras de xogo que Washington impón e considera lexítimas, pola sinxela razón de que son favorábeis ás súas corporacións. Polo tanto, nen Rusia, nen China, teñen capacidade, ou non se atreven a usala, pra garantir o dereito internacional, e moito menos pra que se consolide un mundo multipolar. Neste paso cara un maior militarismo parece concretarse a consigna de Trump de: “os Estados Unidos primeiro”.

Esta vía baseada na forza conduce a un camiño sen retorno, propio de quen pensa que a esta altura son válidos os métodos do far west. Máxime tendo en conta que o confronto é entre potencias nucleares. E mesmo que non se chegue a este extremo (esperemos que non!!), Washington terá que casar intereses tan antagónicos como os de Erdogan e os dos curdos do PKK. Por se isto non abondase, o conflito entre Arabia Saudita e Qatar, engade máis contradicións a un contexto de por si complexo. Comprobaremos se ten aínda algún valor a racionalidade pras potencias hexemónicas, ademais da forza e a cobiza.

Te puede interesar