Opinión

Uruguai e Allariz unidos polos “Charrúas”

Manuel Suárez publicou hai máis dunha década un artigo, moi documentado e interesantei no que sinalaba que a denominación dos indios Charrúas provén, con toda seguridade, do nome das máscaras que se utilizan durante o entroido na vila de Allariz (máscaras que en Laza e Verín chámanse “peliqueiros” e en Xinzo “pantallas”). Súarez, emigrante desde neno no Uruguai, e que retornou xa hai anos a Galiza, ten varios libros sobre o tema emigratorio e a pegada deixada polos galegos e galegas alén mar (Memorias rioprantenses; Emigración galega no tango riopratense) así como numerosos artigos. 

Diego García foi un experimentado mariño portugués (¿galego ourensán?) ao servizo da monarquía española que en 1527 fixo a súa terceira viaxe ao Río da Prata nomeando como Charrúas a tribo que habitaba a actual República Oriental do Uruguai e un anaco do estado brasileiro de Río Grande do Sul, con límite no río Ibicui. O Uruguai é un importante río que canda o Paraná forman nas súas desembocaduras o Río da Prata. A expansión dos Charrúas atinxiu lugares tan afastados como Santa Fe, xa que no ano 1750 os veciños desta cidade enfrontáronse aos indíxenas desta tribo no territorio de Entre Ríos, unha provincia da Arxentina entre os rios Paraná e Uruguai. 

Salvador Canals Frau no seu libro “Las poblaciones indigenas de la Argentina” dinos que os Charrúas estaban integrados por cinco entidades: os Charrúas propiamente ditos, os Güenoas, os Minuanes, os Bohanes e os Yaros. Engade o autor “Debemos considerar aos Charrúas e aos seus antepasados como unha ponla da gran entidade racial e cultural “patagónica”, que ao traveso da Pampa e do Chaco alargouse ate o Mato Groso no Brasil”.

A chegada dos conquistadores ibéricos sería negativa pra este povo indíxena, como pra todos os demais da América Latina. Co agravante que polo seu baixo grao de desenvolvemento, número e organización, os Charrúas comezaron un recuar demográfico que levou a súa desaparición nos anos posteriores á independencia; concretamente no período das guerras civís entre unitarios e federais que abrangueron a toda a área (as chamadas “guerras gauchas”). 

Se cadra descoñécese, dado que emigración galega a Arxentina, Brasil, Cuba ou Venezuela foi moito máis numerosa que ao Uruguai, que pola contra neste pequeno país (en termos americanos, xa que é 6 veces máis grande que a nación galega) é onde existe unha maior porcentaxe de povoación descendente de galegos e galegas respecto do total de habitantes, sobre todo en Montevideo. Foi aquí onde se fundou o primeiro Centro Galego, nada menos que en 1879. Polo tanto non é estraño que existan elementos (por exemplo cruceiros en Montevideo, estudados por Zubillaga Barrera), palabras no vocabulario e actitudes no xeito de ser dos uruguaios que lembran a Galiza. Daquela que, os descendentes que voltan agora como inmigrantes a Galiza intégranse máis doadamente que outros latinoamericanos. 

Algo de historia en común. Cando a Banda Oriental pasou a maus da Monarquía española en 1777 os primeiros habitantes da fundación definitiva de Montevideo, capital do Uruguai, fíxose con seis familias de Bos Aires e outras 50 galegas e canarias (250 persoas). Engadir que un dos principais escritores do Uruguai foi “El Viejo Pancho” (José Alonso Trelles) que naceu en Ribadeo e cuxa obra máis destacada foi “Paja Brava”. E, como un último dato, aínda que habería moitos máis que engadir, o Consello de Galiza, organismo político representante no exilio da soberanía nacional galega constituíuse o día 15 de novembro de 1944 en Montevideo, e estaba integrado por catro deputados galegos no exilio: Alfonso R. Castelao, Suárez Pícallo, Alonso Ríos e Elpidio Villaverde. Moito nos une ao Uruguai. 

Te puede interesar