Opinión

Volver a Idade Media: señores e servos

Se cadra alarmados polo enorme retroceso do PP nas municipais, e sabendo que este vai perder o Governo central, o FMI, o BCE e a patronal, recomendan ao unísono que se continúe coa contrarreforma laboral, disque pra garantir a recuperación económica e a competitividade. Semella que queren aproveitar os meses que lle quedan pra consolidar no eido económico e laboral, tamén no social e cultural, novas prebendas pras clases dominantes e os territorios máis poderosos. Despois, dar pasos atrás sería máis custoso e levaría máis tempo.

Estas recomendacións amosan que o recuar nos dereitos sociais e laborais non é algo conxuntural, un sacrificio momentáneo, senón a imposición dun modelo fundamentado na desigualdade, na cobiza dunha minoría, só evitábel mediante a mobilización e organización das clases subordinadas. Confírmase máis unha vez, que o capitalismo é, por esencia, funcional á concentración e centralización da riqueza e do poder. A crise de sobreprodución dos últimos anos salvouse eliminando as empresas máis débiles, que non sempre son as menos eficientes, reducindo salarios e temporalizando as contratacións, e rebaixando prestacións públicas. O camiño máis solidario, o de redistribuír o traballo e a riqueza, pra recuperar o consumo e o emprego, nen sequera se considerou como hipótese. 

A proposta do vicepresidente da patronal esixindo “despedimento libre”, que xa existe, en realidade é o despedimento gratis. Eliminaríase a contratación fixa convertendo o conxunto da clase traballadora nunha clase sen dereitos, sometida a todo tipo de arbitrariedades e obrigada a aceptalas pra poder conseguir un emprego. Volveríamos aos séculos escuros, onde o mundo se dividía en señores e servos, mais neste caso, o primeiro non tería nen a obriga de dar de comer e durmir ao segundo. Hoxe unha gran parte dos asalariados/as, en sectores como os servizos, construción e talleres, realiza entre 9 e 11 horas diarias, polas que non se cotiza en parte, e que por suposto non se pagan integramente. Pura e dura explotación que atinxe especialmente á mocidade. 

Moitos contratos duran horas, e unha enorme masa de persoas están no paro durante un tempo do ano. E outra parte, traballando no que atopan, con salarios moi baixos e xornadas extenuantes. Unha man de obra de reserva considerábel fortalece esta tendencia regresiva no mercado laboral. Isto é o que a patronal, o BCE e o FMI, e os governos da dereita veñen impulsando como algo normal, como futuro. Ameazando a mocidade de que non teñen garantidas pensións que lles permitan sobrevir na vellez. En realidade a maioría non van poder acceder a elas, carecerán dos anos cotizados necesarios e, cando cumpran este requisito, será por contías miserentas.

Porén, este inmenso retroceso social, que se impuxo como necesario, seica pra poder competir e xerar emprego, non serviu esencialmente pra rebaixar prezos, senón sobre todo pra acrecentar os ingresos das grandes fortunas e dos directivos. Por iso, diminuíu a parte dos salarios no PIB e aumentou a das empresas; por iso medrou a desigualdade social e a enxurrada emigratoria; e por iso aumentou o número de millonarios no Estado español de 127.100 en 2008 a 178.000 en 2014. O medre da desigualdade deuse tanto durante a recesión como durante o crecemento do PIB, polo que este ten unhas claves distintas, políticas, de modelo económico-social. O crecemento actual non obedece tanto ás reformas estruturais necesarias como a situacións conxunturais, como son: baixada da enerxía, aumento do turismo pola conflitividade en Exipto, Tunisia, Grecia,... devaluación do euro, recúo nas importacións, flexibilidade cuantitativa do BCE, etc. As propostas do FMI, BCE e patronal, queren fundamentalmente seguir engordando o peto dos máis ricos. As mudanzas políticas deberían dar volta a isto.

Te puede interesar