Opinión

Washington ameaza coa superioridade militar

Os feitos amosaron que non existe unha gran diferencia no tema militar entre Biden e Trump, ou outros presidentes anteriores, mais poucas veces como no recente acordo co Reino Unido e Australia os Estados Unidos (AUKUS) escenificou tan claramente que este é o seu recurso máis consistente pra se manter como potencia hexemónica. Todos utilizaron ao mesmo tempo as sancións económicas, aproveitando que o dólar é a divisa de reserva, o control sobre a información e cultura de masas (caracterizando bos e malos), e estar na dianteira no eido tecnolóxico (cada vez en menos campos). Porén Trump, a diferenza de Biden, centrou a confrontación dialéctica no económico, aínda que aumentase a presión militar nas fronteiras de Rusia, China, Iran, Venezuela...

Este cambio na referencialidade sobre as fortalezas nas que se sustenta o poder dos Estados Unidos, priorizando o militar, evidencia como lles afectou negativamente na imaxe pública a retirada apresurada de Afganistán, e a necesidade de recobrar neste aspecto rapidamente, no imaxinario colectivo internacional, a súa superioridade como incuestionábel. Algo que conseguiu en parte coa nova coalición militar (AUKUS), porén como en Afganistán máis unha vez apresuradamente (tamén por prepotencia) deixando á marxe aos seus socios no Pacifico, como Xapón e Corea do Sur, así como á OTAN, abrindo novas fendas cos seus aliados.

Polo tanto, o noxo de Macron ten base, porque é a única potencia nuclear das aliadas con USA coa que non se conta (deixando a un lado o caso de Israel), e ademais ten intereses militares, políticos e económicos na área do Indo-Pacifico. Lembremos que entre os departamentos e posesións francesas de ultramar están Nova Caledonia e a Polinesia, e no Indico a Reunión. En total máis de 1.200.000 persoas. Por se non abondase, o acordo implica unha paralización do compromiso de merca por Australia de 12 submarinos diésel a Francia, seica por un valor de 50 mil millóns de dólares, que van ser substituídos por 8 de propulsión nuclear estadounidenses (isto significa ademais que Australia racha seu compromiso anti-nuclear).

A presentación da AUKUS coincidiu no tempo coa dun proxecto de exército europeo. Foi unha casualidade? Levarase a cabo esta iniciativa pola UE, ou só será unha advertencia pra obter un trato máis digno, tendo en consideración os antecedentes? Lembremos que non é nen o primeiro nen o segundo intento que non se concreta, como consecuencia das diverxencias neste tema entre os países que constitúen a UE e a oposición da OTAN. En todo caso pra alén dos descontentes, dos noxos, e de que Francia chamase a consultas seus embaixadores en Australia e Estados Unidos, os antecedentes non axudan a pensar nunha Unión Europea capaz de dar por morta á OTAN e construír un exército independente. Aínda máis, nos últimos anos estivo en boa medida metida en todos os conflitos nos que Washington tomou a iniciativa ou deu seu apoio (Afganistán Iraq, Libia, Malí,...).

Recobrar a plena soberanía implica pechar as bases de Estados Unidos na Unión Europea, rachando con décadas de dependencia militar e política. Mais, pesan os intereses das empresas transnacionais, ou sexa, os lazos económicos de beneficio mutuo entre as potencias occidentais pra impoñer o comercio desigual ás ex-colonias e países da periferia. Ademais, a competencia de China nesas áreas é moi grande, e alenta a soberanía na periferia, o que pode afectar os lucros das corporacións da UE. No capitalismo medran as contradicións entre nacións e entre clases sociais. O mundo amosa seus límites no ecolóxico, no produtivo, no demográfico, na mobilidade e amoreamento urbano, na desigualdade, na perda de riqueza cultural e lingüística... E a UE non é quen de construír unha alternativa de seu.

Te puede interesar