Opinión

Teléfono, cartes e censura

Nos tempos do pasado réximen, a quen esto escrebe, como a algúns outros eiquí en Ourense, tíñannos vixiados como se foramos elementos perigosos. Semellaba que poderiamos estar conspirando contra o orde establecido. O teléfono intervido ata ben entrados os setenta. Había un pitido estrano que delataba o “pinchazo” ao que algúns estabamos sometidos. Había que falar en clave.

Logo, a correspondencia, ata que chegou, polo menos no meu caso, o gobernador José María López Ramón, que me chamou para dicirme o que xa sabía e asegurarme que xa non se abriría ninguna carta máis. O que non sabía o “poncio” era que xa levaba anos cunha dirección que non era a miña. 

Lembro que ante o mal pegadas que chegaban algunhas cartas e o grande retraso, fun visitar a José María Quiroga, o gobernador de turno. E cal foi a miña sorpresa cando, estando sentados no tresillo do seu despacho, ao me queixar, levantouse, foi a súa mesa de traballo e, abrindo un caixón, ensinoume dúas cartas espetándome: “Mira, aún tengo estas dos por abrir”. Despedinme -eu, non il, claro- a caixas destempladas. Cambiei o enderezo e debeu rabear.

Pra escreber en La Región, dende 1959, tiña que levar os artigos a oficina que tiña o Delegado de Información e Turismo, o señor Tresguerras, na rúa de Capitán Eloy, se a memoria non me falla no primeiro piso por riba da librería Stilo. E lembro unha vez que, pro día da Inmaculadada Concepción, fixen un traballo (teño preto de mil cincocentos coleccionados do noso xornal), no que falaba da “Inmaculada Concepción como patrona da Infantería carlista”. E o bo do señor Tresguerras díxolle aos funcionarios que cando eu fora buscar o artigo, pra traelo as oficinas do noso xornal na actual rúa Alejandro Outeiriño, tiña que esperar, pois quería parolar conmigo. O bo do home, logo de me felicitar e de me dicir que non tachara nada, espetoume: “Hombre, está muy bien, pero, ¿por qué no nombra al Generalísimo Franco?”. A miña resposta non se fixo esperar: “Pues, señor delegado, porque en el S. XIX aún no había nacido el Generalísimo”.

Son lembranzas que convén se saiban. Agora que temos unha meirande grande de políticos mediocres e escritores aficionados que dá pena velos.

P.D.: ¡Por fin escomenza a peneira dos pesoístas en Andalucía! Oitocentos cincuenta millóns de euros que se foron a onde non debían, nunha rexión co paro máis alto da Unión Europea. Chaves, Griñán, Zarrías e un longo etcétera do PSOE andaluz, onde todo o mundo é honrado,mentres non se demostre o contrario. País! Como se alegrará o da coleta!

Te puede interesar