Cabalos azuis. Hai agora cen anos, Franz Marc, un pintor de Múnic que viviu poucos anos, pintaba unha vaca de cor amarela. Formado no impresionismo, asimilou elementos do expresionismo e do fauvismo para chegar a un estilo propio. Obsesionado polas colores e polo movemento, logo pintou vacas amarelas, vermellas e verdes, e cabalos azuis e vermellos, e corzos e cans e gatos multicolores. Non era só un xogo: detrás estaba o rico debate intelectual de Der Blaue Reiter (O Xinete Azul), con figuras da talla de Kandinsky. Franz Marc prefería pintar animais antes que persoas, quería descifrar a parte interior e espiritual da Natureza. Nas súas palabras, tentaba sentir o tremor e o bulir do sangue na natureza, nas árbores, nos animais, no aire. Creo que o logrou, como Chagall: aínda hoxe nos sorprende a tenrura e a forza expresiva das súas vacas e cabalos. De certo, a realidade é algo moi complexo, non menos que a arte.