Opinión

Preescolar na casa

O neno posúe/ cen linguas/ cen mans/ e pensamentos./ Cen formas de pensar/ de xogar e de falar/ cen, sempre cen/ maneiras de escoitar/ de sorprender e de amar./ Cen alegrías/ para cantar e entender./ Cen formas de descubrir./ Cen mundos para inventar./ Cen mundos para soñar.


(L.Malaguezzi) R ecibo un correo electrónico dunha amiga que exerce de mestra aló pola costa lucense no que me envía un impreso para firmar en contra da retirada da achega económica que a Consellería de Educación facía ao programa Preescolar na casa. Non sei con que criterios se dan ou se retiran as subvencións a este tipo de programas pero o sentidiño común dime que debería ser segundo a súa fin social. Supoño, repito que sen nengún tipo de coñecemento máis aló da lóxica, que se retirarán ou ben cando xa non cumpren a fin para a que foron creados ou ben a Administración asume as súas funcións. Pois ben, Preescolar na casa é un proxecto itinerante de formación de nenos e pais en educación infantil no medio rural galego. Todos xuntos, nenos e nenas (de cero a seis anos), as súas familias e un profesional da educación dialogan, reflexionan e analizan a vida cotiá, a súa vida cotiá, e a súa influencia na educación destes nenos e nenas. Ademáis os profesionais danlle aos pais-coidadores pautas relacionadas con temas educativos nestas idades, pois xa se sabe que se ben poucos nacen cun pan debaixo do brazo nengún o fai cun manual de instruccións. Dispoñen ademais dun programa semanal na TVG, programas de radio, servizo de orientación educativa, publicacións propias, ludobiblioteca itinerante...


Non é unha alternativa á escola senón un complemento. Responde a algo tan sinxelo e ao mesmo tempo tan complexo como é a educación antes da escola, a aprendizaxe que nenos e nenas fan no ambiente familiar, nas súas casas, no seu medio, pois unha cousa é ‘educación’ e outra ‘escolarización’. Os cativos e cativas de menos de seis anos están nesa etapa da súa vida onde aprenden a moverse, a falar, a relacionarse, a discorrer, a observar, a explorar, a atender, a escoitar, a valorar..., onde se van asentar as bases da súa personalidade, da súa competencia, dos seus afectos, das súas facultades cognitivas e sociais..., de todas aquelas capacidades que nos condicionan como persoas.


Preescolar na casa xurdiu aló polo 1977 da man dun cura lucense ao que os seus pais lle ensinaran a ler na casa do seu pobo e el pensou que se os seus pais o fixeran habería outros moitos que o poderían facer tamén e deste xeito paliar o atraso e as eivas que sufrían os cativos do rural galego. A base de esforzo, conseguiu levar o que entón era a educación preescolar ao mundo rural. Hoxe, aquel proxecto constituido en fundación leva trinta anos espallando a educación aló onde as institucións públicas non foron capaces de chegar ata agora debido fundamentalmente ás dificultades derivadas da dispersión do hábitat no mundo rural galego, que fai inviable que a totalidade dos núcleos de poboación dispoñan dun centro escolar por moi pequeno que sexa. Hoxendía Galiza evolucionou, os nosos pobos cambiaron tamén, temos Galescolas, algo que era sumamente necesario para conciliar traballo e familia, temos unha chea de cousas que non tiñan os nenos e os pais de 1977. Pero temos tamén 4.300 nenos e nenas e os seus pais ou titores que optan pola opción de educaren aos seus fillos en etapa infantil na súa casa, e aos que Preescolar na casa lles garante o dereito a que este ensino sexa de calidade. Constitúe un verdadeiro exemplo de integración familia-educación.


Permítanme que remate cunhas palabras que ouvín xa hai algún tempo, cando eu era unha estudiante de Maxisterio ó abeiro duns Encontros de Educación en Santiago: ‘Cada necesidade ten unha solución e cada solución ten un camiño’ Antonio Gandoy, fundador de Preescolar na Casa).



Te puede interesar