Opinión

A ritmo de acordeón

A vibrante melodía e maxia do acordeón será a raíña e a protagonista desta romántica velada. Se te estremeces, se te embriaga, se sentes como che atravesa as células e a matriz do teu ser a cadencia e a harmonía das súas notas... se tanto che ten que soe un tango ou un bolero, mariachi ou pasodobre, un fado ou unha alborada, entón é que un día calquera, nunha festa ou romaría calquera, brincaches, saltaches e amaches seducido polo laio aceso deste melodioso instrumento. 

Pois xa somos dous, querido lector! Imos logo este sábado ó Primeiro Festival Internacional de Acordeón de Lalín. Alí bailaremos entre aturuxos os incondicionais: artistas e admiradores desta música celestial. E brindaremos por todos os acordeonistas do mundo polos que foron (coma ti, meu querido paiciño!), os que son e os que serán. Eles que derrochan enerxía, alegría e sensibilidade por todos os poros do corpo. 

Alí lanzarán -emocionados e orgullosos- as notas ó vento que fervorosas aniñarán nó corazón dos presentes. Alí terei o honor de presentar e conducir este acto que nos vai facer navegar, outra vez, entre suspiros de ledicia e xúbilo, na morriña e na lembranza co brillo desta música no solpor que arrebata o sentir. Alí, de novo, voaremos.

Te puede interesar