Opinión

Don Quixote vota

Sigamos sen desfalecer, leal Sancho, desfacendo entortos polos camiños do mundo e vexamos se algún menesteroso precisa dos nosos auxilios.

-Con razón lle chaman a vuesa mercede Quijano el Bueno… pois aí hai unha morea de xente reunida…

-Con toda seguridade, Sancho, virán presenciar a nosa maxestuosa chegada e as finas siluetas de Rocinante e o teu rucio. Preguntarlle debes a que se debe a súa presenza aquí que eu agardo a túa información.

-Di que veñen cumprir co seu voto, vuesa mercede.

-Voto, Sancho? Voto de silencio, voto de obediencia, voto de pobreza, voto de confianza? A que voto se refiren?

-Din que ó que levan segredamente metido no sobre.

-Sobres? Din sobres, Sancho? Será unha sociedade segreda. Ben sabes ti, nobre escudeiro, que para os nobres cabaleiros os sobres son motivo de sospeita… Non levarán dentro, xa sabes, o moradiño, xa me entendes, o de 500!

-Quen no lo dera, vuesa mercede, pero ai eso si!, gañado coa honradez e brancura das mans que corresponden ós elegantes e grandes homes.

-Voto. Que fermoso é comprobar os valores que se perpetúan no tempo! E quen dis, Sancho, que che dixo tal cousa?

-O interventor, vuesa mercede.

-Claro, o que intervén na limpeza e xustiza dos camiños rectos da lei…

-E o apoderado

-O poder-hado. O fado do poder dos tempos actuáis, sen dúbida, Sancho. Este poderoso cabaleiro está especialmente preparado para derrotar a corrupción e o sise e reclamar os dereitos de todos por igual.

-Din que son as eleccións, señor Don Quixote.

-Elexir, escoller, como eu elexín entre todas pola súa fermosura sen par á miña amada Dulcinea.

-Din que se chaman candidatos e que algúns xogan o candicrash... atos… ou non sei que…

-Non te trabuques nas palabras, nobre escudeiro, que igual che dá dicir “ir ó show” que “andar ó chou” e eso has de correxilo para ser digno gobernador da ínsula que che prometín.

-Cando eu sexa gobernador serei xusto e terei só unha bara de medir, esa que probarei dando garrotazos no lombo do médico Pedro Recio de Mal Agüero de Tirteafuera, graduado en Osuna, que me quere matar coa fame. Este seguro que vota polo Xigante Malambruno. Aí descubrirei eu, vuesa mercede, que ben estaba eu antes de “subir ás torres da soberbia”.

-Votemos por nós, e polo noso, amigo Sancho. ”Soñar o soño imposible, loitar contra o inimigo imposible, correr onde os valentes non se atreveron, alcanzar a estrella inalcanzable. Ese é o meu destino”.

-Vaiamos pois , vuesa mercede. Que eu a onde sexa, acompáñoo.

Te puede interesar