Opinión

A eses profes que son mestres

Era un día máis, unha tarde calquera. . . mais deixou de selo de súpeto cando os ollos do meu fillo viron ó lonxe ó seu mestre. As mans quixeron ser paxaros abríndose no aire da tarde, e aqueles brazos voaban buscando a aperta que recordaba vellos tempos. Cun sorriso alumeante de frescura xuvenil repetía baixiño o nome do seu profesor de Primaria que tantas veces foi para el agarimo, referencia, sabedoría, motivación e calor. 

Os dous fixéronse un naquel abrazo. Dous homes bos e xenerosos. Dúas esencias que facían palidecer os dourados raios do solpor ante as luces acesas, chispeantes, en brasa viva, daqueles ollos, luceiros, que quixeran dicirse tantas cousas. Mentres se apretaban e vibraban coa emoción, agromaban doces recordos na conversa. “Do que sente o corazón, fala a boca” di o proverbio e eles volvían na memoria a aquel momento (tan fugaz!) no que o meu mociño era un neno e o mestre un profe cheo de ilusión e fiel amante do maxisterio. Ás veces, algúns pais e alumnos póñenllo difícil. Todos non somos iguais. Tamén hai profes que llo poñen difícil ós rapaces. Nesta ocasión falamos dos mestres que nos quedan no niño da alma coma se foran os gardiáns dos tesouros e talentos que levamos dentro. Seres que nos miran con afecto e comprensión, que non son perfectos (non o somos ninguén) e polo tanto son sabedores de que ás veces cometen erros que saben afrontar e mellorar estudando as criaturas que coma libros abertos se lle presentan no pupitre día tras día. 

Este artigo vai para ti, mestre querido de tódolos tempos. A ti que en cada alumno deixas a semente da bondade e a beleza, da fantasía e da realidade, da grandeza e da pequenez que levamos dentro e que é o xerme de todas as nosas reflexións e conquistas. A ti que levas a música no andar, a poesía na arte de transmitir e a caracola dos mares sen confín, no profundo sentir dese corazón que te fai tan especial. 

Ten moi claro, profe que es mestre, que es a pedra fundamental para crear un mundo mellor. Que es máis necesario ca nunca. E que ti sabes ben que todo, todo esforzo, ten a súa recompensa. 

“Eles son a miña infancia”, repetía o teu alumno emocionado. Matrícula de honor para ti, mestre.

Te puede interesar