Opinión

O tótem de Padroso

Conta a lenda que en Padroso naceu un ser forte e rexo, nobre pensador, filósofo, artista e orfebre do contar e o dicir que tanto, tanto mirou e tanto admirou a árbore o pé do lar, no camiño da fonte, da eira e do muiño, que tanto reflexionou no misterio da creación dende a semente ó froito, que se converteu no sabio carballo do lugar. Taciturno e bébedo de morriña na noite escura da alma, mais vagalumes nas bágoas inflaman a pedra do lume no seo de madeira.

Chegouse a dicir (contos!) que tiña o sangue verdescente e que brillaba no plasma o xen dos bardos e druidas doutros tempos. Todos deron en parolar destas cousas! Xa sabedes, as vellas son moi dadas a lerias co máis alá e cos espíritos. Mentres bicaban o rosario dicían entre dentes: “Seica ten o don do sagrado e o pagano e sabe bendicir coa copa que é viño e cruz ó mesmo tempo”. Hai homes que son coma carballos e hai carballos que son homes.

O certo é que seica baixo este tótem que limpa o feitizo e o meigallo haberá no solpor do verán un ritual de apertas e bicos, versos e cantigas onde a parroquia dos afectos saberá ler o eco da fraga que traerá de volta os doces laios das fadas, dos druidas e druidesas, dos vates e trovadores, das ninfas da pía e da moura encantada que peitea sen parar os seus lindos cabelos na solemne cerimonia que canta o seu himno.

O sagrado é o latexo da auga do corazón, e o pagano é o ardor dos antepasados fervéndonos na fala e na alegría.

Esfolarémoslle a pel ó mal. Esnaquizaremos a inxustiza e fenderemos sen piedade a mentira; o desamor, desherdado, fuxirá errante, mentres na cesta de vimbios entre fentos e liturxia de esporas facerá o niño a poesía, exultante reverberacion da luz no universo das palabras. Todas as velaíñas entrarán na risa dos cantores e, todos nun, festexaremos este día co seu afán nesta aventura que é vivir, neste imparable sortilexio, nesta ronda de maxistral desatino que se eleva no seu ciclo sen fin moito máis alá de nós.

Te puede interesar