Opinión

A orixe celta de Halloween

Samhain é a festa máis importante da cultura celta. A súa orixe remóntase á Idade de Ferro. Identifícase como o novo ano celta, momento no que comeza a época escura e se di adeus a época da luz, as dúas partes nas que se divide o ano celta. O calendario celta estaba baseado nos ciclos lunares e os eventos solares (solsticios e equinocios) e as súas festividades rondaban en torno a isto. Os meses comezan en cada lúa nova e ten 28 días. A festa de Samhain duraba tres noites e situábase na lúa chea do mes de samonios (do que deriva o seu nome) que significa literalmente “fin do verán”. 

Celébranse dous aspectos fundamentais:

O primeiro é o momento da colleita e recollida dos últimos froitos do verán. Con esta celebración danlle as grazas ós deuses e á terra por todo o concedido e prepáranse para a metade escura e os fríos. Neste momento tiña que estar todo recollido pois o que quedaba pertencíalle á Vella, unha fada a que era mellor non afrentar para que non houbera problemas. Todos os animais que non poderían manter durante o longo inverno serían sacrificados (a nosa matanza?) e regarían a terra co seu sangue, co que se agradece ós deuses a boa colleita conseguida e a que xa se espera para o seguinte ano.

O segundo aspecto é o contacto coa morte e co mundo dos espíritos. Concretamente a terceira noite desta festividade era a chamada “Noite dos espíritos”, na que se pensaba que existía un impás ou paréntese entre un ciclo e outro, e que non estaba comprendido en ningún dos dous. Era un momento de baleiro, un desequilibrio no que as leis da natureza quedaban suspendidas nunha pausa natural na que se cre que o veo que separaba o mundo dos vivos e dos mortos caía, de maneira que podía haber comunicación entre os dous. O bo deste asunto era que a xente podía reunirse cos seus seres queridos, familiares falecidos e antepasados pero á vez eran vulnerables a espíritos malignos. 

Tamén se abría o mundo feérico no que o pobo das fadas se deixaban ver para encandilar ós homes mortais e casar con eles levándoos á súa dimensión para sempre. Abrían as portas dos seu mundo máxico (fervenzas, pozas, covas) ensinando os seus tesouros. Elas sabían que só alí entrarían os máis valentes. 

Halloween significa “vigilia de todos os santos” e non é máis que a cristianización -tan frecuente ó longo da Idade Media- das festas paganas que o pobo non quere abandonar. 

Facíanse banquetes con gran cantidade de carne asada, bebidas e produtos da terra. Deixábanse asentos libres e portas e ventás abertas para que os mortos poideran vir de volta e participar da alegría do reencontro. Facíanse fogueiras (os nosos magostos) para guiar os espíritos dos seres queridos á casa e alonxar as entidades malignas. O druida da tribo pintaba a cara e vestíase con pelicas para comunicarse cos mortos e co Máis Alá. De aquí ven a tradición de disfrazarse. Tamén existía os chamados “embaixadores da morte”, un grupo de persoas que van casa por casa pedindo ofrendas de comida para ofrecer ós espíritos e así telos contentos e evitar a mala sorte. Este é o predecesor de “truco ou trato”. Na festa celta empregábanse nabos ocos con candelas dentro incidindo na idea de vivir en tranquilidade e alonxarse do malo. 

Como vemos, somos o que somos porque chegamos a ser... Si. Somos fillos do pasado. Un pasado que respectaba a familia, que veneraba e agradecía con danzas e bailes sen facer dano a ninguén. Os deuses e os homes eran o mesmo. Non sei se hoxe o temos tan claro. 

Te puede interesar