Opinión

Interrogantes PISA 2015

Agora, cando a noticia se vai dando xa por pasada, cando os ánimos nesta cuestión se van serenando pouco a pouco, cando todos os países do mundo están mirando para Singapur, e cando, en referencia ós resultados obtidos por España,  xa case ninguén fala das opinións contrapostas que mantiveran dous personaxes politicamente moi próximos (resultados que para o actual Ministro de Educación son especialmente satisfactorios y que se sitúan al nivel de los países más avanzados del mundo, en tanto que para dona Montserrat Gomendio, incondicional entusiasta da Ley Wert e actual directora adxunta de educación da ¡OCDE!, en España tenemos un problema de calidad educativa y también de equidad).  Despois de todo o dito sobre os resultados do programa PISA 2015, permítanme que formule algunhas interrogantes.

¿Por que tal grao de disensión sobre a validez do propio programa?
Valorando como como excelentes os resultados de Castilla-León, ¿cales as condicións educativas que as diferencian das comunidades cos peores resultados?

¿Por que o resto de España parece ignorar que Galicia, en Ciencias, está a tan só 4 puntos da sempre glorificada Corea do Sur; e con puntuacións superiores ás do Reino Unido, Alemaña, Países Baixos, Suíza, Irlanda, Bélxica, Dinamarca, Noruega, EEUU, Austria, Francia, Suecia e outros que tal)

¿Cantos saben por aquí que Galicia, na materia de Matemáticas, coincide co dato de Suecia;  e que ten puntuacións máis elevadas que Francia, Reino Unido, Italia...?

¿Cal sería a razón (razóns) de que o País Vasco baixara, en relación co “exame” anterior, un total de 43 puntos? (-7 en Lectura, -13 en Matemáticas, -23 en Ciencias)

Pola contra, ¿que motivos puido haber para que Murcia (aínda que na zona baixa) subise, no conxunto das tres materias, 37 puntos?

¿Cómo asimilar que Finlandia e Corea do Sur, que son a envexa de todos nós, estean a tanta distancia (por abaixo) de Singapur? Lectura: Finlandia, 9 puntos por debaixo; Corea do Sur, 18 puntos por debaixo. Ciencias: Finlandia, 22 puntos por debaixo; Corea do Sur, 40 puntos por debaixo. Matemáticas: Corea do Sur, 40 puntos por debaixo; Finlandia: ¡53 puntos por debaixo! de Singapur.

Corea do Sur, Finlandia; ¿será que, menos lobos? Ou, pedindo desculpas anticipadas, ¿serán fiables os datos de Singapur?

Te puede interesar