Opinión

Sei

Sei dunha muller que con dezanove anos se incorporou como mestra á escola mixta de San Xulián, pequena aldea da Rúa de Valdeorras. Que no curso seguinte sería Celeirós, nas terras altas do Bolo, onde a escola disputaba espazos e compartía alborotos con pitas e marranchiños. E logo Ferreira de Pantón, e logo A Rúa, e finalmente Ourense, onde se xubilou o pasado curso, despois dunha vida profesional de corenta e seis anos.


Sei de memoria os nomes de case todos os seus alumnos, por térllelo oído ducias de veces celebrando os seus logros ou procurando desculpalos cando había algún atranco.


Sei do seu afán innovador, do coñecemento dos alumnos, da súa entrega á tarefa educativa, da súa maneira de traballar.


Sei das horas que cada noite lle sacaba ao sono corrixindo exercicios, buscando novas formas de axudar aos alumnos, preparando as clases do día seguinte.


Sei daquela súa experiencia (recollida na Revista Galega do Ensino, ano 1995) na que cativos de educación infantil e dos primeiros cursos de educación primaria entraron en contacto, en acercamento gozoso, coas pinturas de Velázquez, Goya, Picasso, Miró, Rubens, Leonardo da Vinci, Rembrandt, Tiziano, Van Gogh, P. Klee, Kandinsky, Gauguin.... (ata 240 obras). E tamén coas músicas de Bach, Mozart, Beethoven, Liszt, Wagner, Stravinsky, Debussy, Satie, Kodaly... Actividade na que pintura e música eran abordadas de maneira conxunta, e que logo os alumnos comentaban segundo as vivencias de cada quen.


Sei que publicou dous libros sobre educación que chegaron a moitas escolas. Dun deles, publicado en Madrid, realizáronse cinco edicións; cunha edición especial para países alén do mar.


Sei da súa colaboración na formación e perfeccionamento do profesorado, cando se lle pediu. (Sabíao moi ben Joaquina Gallego Jorreto, a súa gran amiga e mestra. Como o sabe, o profesor Pepe Paz). Sendo moitos os profesores que fixeron prácticas de maxisterio na súa aula.


Sei do afecto, da consideración coa que lle falan os seus antigos alumnos, que con todos eles se para. Que lle comentan dos seus estudos, dos seus traballos, da súa vida. E lle traen ao recordo algún episodio de entón.


Sei que agora pasa días revisando debuxos, composicións escritas, exercicios, fotografías dos que foron seus alumnos, que de todos eles conserva algunha mostra.


Sei que se retirou un pouco esgotada, pero compracida por entender que foi esforzo que pagaba a pena. Sei, en fin, dunha vida, dunha persoa, dedicada con paixón ao seu traballo.


Como sei que hai outras mestras e outros mestres dos que se podería dicir o mesmo. Pero, claro, é de Blanca de quen máis sei.



Te puede interesar