Opinión

TRISTE

Alá polos anos sesenta circulaba polas tabernas galegas unha copla de moda entre a xuventude dos pobos: 'E vámonos deiquí, para a banda de Alemania, e vámonos deiquí, que eiquí non fago nada'. Letra curta, e moi simple, pero que tan ben cadraba coa realidade de entón. Se dixésemos, movidos polo cabreo, que hoxe en día estamos a vivir unha situación parecida á daquela, tal afirmación soaría a broma sen xeito. Con todo, e segundo din os entendidos, que son os que saben destas materias, por aquí, por Galicia, as cousas van moi mal. Mesmo parece como se non puidese haber un día sen mala nova. E, de quén a culpa. ¡Ah! Os que gobernan agora, bótanlle a culpa ós de antes; en cambio os de antes, bótanlle a culpa ós de agora. Logo, están os que lles endilgan toda a responsabilidade da situación ós mercados internacionais, ou ás autoridades europeas, ou ó goberno de Madrid, ou ós propios cataláns (ós que, algúns, fan culpables de todo).


Galicia, triste sino. ¿Onde estarán os beneficios eléctricos das nosas augas? ¿Onde, os beneficios do noso vento? ¿Onde os bancos que un día foran galegos? ¿Que se fixo daquelas nosas caixas de aforros, aparte de enriquecer, ata a ofensa, a uns cantos aproveitados? Ónde, qué. Por non entrar noutras cuestións. Para facernos unha idea aproximada da gravidade da situación, non hai máis que ler ou escoitar as lindezas que se lanzan, cargados de soberbia, os poderosos de Vigo ós da Coruña e os poderosos da Coruña ós de Vigo. Toda la culpa es vuestra, din uns. Toda la culpa es vuestra, din os outros.


Galicia, por qué levarás sempre as de perder. Aínda que non convén dicilo moi alto, por iso do victimismo. Que xa nin sequera o recurso da queixa nos queda. E triunfos non hai. Triste que o único 'triunfo' que podemos airear en certas televisións e radios de por aí adiante é, precisamente, a conta da previsible derrota do idioma galego. 'Ya falta muy poco. Nos ha costado muchos años de lucha, muchos esfuerzos. Pero ahora, ya casi está'. 'Jabatos. Que sois unos jabatos'.


Por perder, Galicia é das comunidades que máis perde en poboación. Segundo os cálculos que acaban de facerse públicos, case cen mil galegos menos na próxima década. En todo caso, ¡vaia consolo!, cen mil galegos menos a cantar aquilo de 'E vámonos deiquí'.

Te puede interesar